Ana Pontón ofrece a Feijóo un pacto de país para que ENCE deixe de marcar a política forestal na Galiza

Confía en que colla a man tendida do BNG a non ser que aspire a sentarse no consello de administración da pasteira cruzando as portas xiratorias

A portavoz nacional, Ana Pontón, optou por desprazarse ata a sede de ENCE en Pontevedra para responderlle á dirección da pasteira sobre as “bondades” do eucalipto para a loita contra os lumes, e demandarlle ao presidente da Xunta que a política forestal do país a determine Galiza e non esta multinacional.

“A política forestal non a pode decidir ENCE desde o seu consello de administración comprando vontades con ex altos cargos do PP, porque o país precisa un cambio forestal, e desde o BNG tendemos a man para que ese cambio se produza”, alegou a dirixente nacionalista, “o grave é que semella que a única man que quere coller Feijóo é a de ENCE, non sei se porque aspira tamén el a acabar sentado nese consello de administración”.

Pontón quixo contestar in situ ás declaracións “tan pouco amistosas” da pasteira contra a portavoz nacionalista e tamén á campaña de manipulación en relación ao impacto do eucalipto no medio ambiente e no problema dos incendios. “Converter Galiza nun gran eucaliptal é converter o noso monte nun polvorín”, reafirmou, ao tempo que manifestaba o seu pasmo pola tese medioambiental difundida pola multinacional nun comunicado de prensa.

“A súa tese é que os eucaliptos son cortalumes, o que ten a mesma credibilidade que escoitar a Bárcenas dicir que os sobres en B son unha maneira de loitar contra a corrupción”, ironizou, “será unha teoría desenvolvida por algúns dos grandes expertos medio ambientais que sentan no consello de administración como a ex ministra do PP Isabel Tocino, ou o ex conselleiro de PP Carlos del Álamo, “os únicos que ven no eucalipto unha antídoto contra os lumes”.

Neste sentido, o Bloque recomenda á cúpula da pasteira algún dos informes nos que se recolle a eucaliptización como un problema para o medio ambiente e causa dos incrementos dos incendios, “informes oficiais do Goberno central das etapas do PP”, indicou Pontón tras criticar a práctica das portas xiratorias, “seguro que veremos novas incorporacións do PP que hoxe sentados no Consello da Xunta e no Consello de Ministros”.

Igualmente, denunciou a prórroga de Rajoy á multinacional “para que siga contaminando a Ría de Pontevedra”.

O BNG propón un cambio radical da política forestal e de xestión do monte “porque quen marca as directrices é ENCE interesada en converter Galiza nun gran eucaliptal”. “Ese non é o modelo que lle interesa ao país porque perdemos oportunidades, capacidade de crear riqueza e emprego e poñemos en risco o territorio”, salientou Pontón.

“Por moito que lle moleste a dirección da pasteira, desde o Bloque imos seguir dicindo as verdades, do que significa unha política forestal ao servizo dunha multinacional que contamina a ría de Pontevedra e hipoteca o monte”, indicou, ao tempo que reiteraba a oferta de “man tendida para sacar adiante un gran acordo de país que deixe atrás o modelo do monocultivo do eucalipto e abra nova etapa para un aproveitamento integral do monte, favorecer a biodiversidade e combater os lumes”, argumentou.

Pontón tamén reclamou a Feijóo “que deixe de tirar balóns fora”, porque a Xunta debe garantir o cumprimento da lei e non “buscar culpables” cando se trata de executar a normativa das franxas de seguridade contra os incendios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG