Ana Pontón mantén un encontro co sector empresarial da Coruña ao que presentou as Bases Democráticas

Encontrro no Círculo de Empresarios da Coruña
Encontrro no Círculo de Empresarios da Coruña

A dirixente do Bloque, Ana Pontón, mantivo un encontro co sector empresarial no Club Financeiro Atlántico da Coruña, -no que tamén participou a portavoz municipal, Avia Veira-, para presentar ante os representantes empresariais o documento Bases Democráticas, proposta do BNG para iniciar un debate político e social para evitar que Galiza quede atrás nun momento decisivo que vai mudar o actual marco institucional.

Pontón expuxo ao sector empresarial coruñés as vantaxes do autogoberno nas cuestións relevantes de país: Sistema financeiro, capacidade fiscal, concerto económico, infraestruturas como a AP9 e os aeroportos, sector enerxético, ou a política forestal. “Ter e exercer o autogoberno implicaría ter as ferramentas para mellorar as condicións de vida dos e das galegas”, sintetizou.

Bases Democráticas

A proposta do Bloque expresada nas Bases Democráticas pretende ser un punto de partida para o debate entre as forzas políticas, axentes económicos, sociais e culturais para evitar que Galiza perda posicións, “dando un paso adiante desde o recoñecemento de Galiza como nación” nun momento en que vai haber cambios a nivel de Estado.

Pontón agradeceu o convite ao presidente da entidade, Mariano Gómez-Ulla, que lle permitiu un debate “intenso e frutífero” cunha ampla representación do empresariado da Coruña, a oportunidade de transmitir as propostas do BNG e de escoitar as súas valoracións.

Porto exterior da Coruña

En relación a cidade herculina, a dirixente nacionalista avanzou que o Bloque levará ao Parlamento unha batería de iniciativas en relación ao financiamento do porto exterior da Coruña para evitar “unha nova discriminación do Estado”  que pretende financiar o que resta desa infraestrutura coa venda duns terreos que son patrimonio da cidade.

“O porto exterior da Coruña ten que ser financiado polo Estado como se fixo no caso de Xixón, e os terreos que agora ocupan instalacións portuarias deben quedar a salvo da especulación e ser cedidos ao concello da Coruña para beneficio de toda a cidade, como se fixo en Valencia e en Barcelona. O BNG vai levar este tema ao Parlamento para esixir que non se vendan estes terreos senón que queden como patrimonio público de todos os coruñeses e coruñesas”, indicou Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG