Parlamento Galego

Ana Pontón: “Lideraremos unha oposición rigorosa, seria e con ideas, colocando os problemas da rúa no centro da política parlamentar”

  • A portavoz do  grupo nacionalista, Ana Pontón avanzou o rexistro dunha primeira iniciativa destinada a posibilitar a volta dos mozos e mozas obrigados a emigrar, a través do “Plan retorna”

O grupo parlamentario do BNG mantivo hoxe a súa primeira reunión no Parlamento galego. Para a portavoz do grupo nacionalista, Ana Pontón,  “os problemas da rúa deben estar presentes no Parlamento” polo que anunciou que liderará unha “oposición seria, rigorosa e con ideas que converta o Parlamento no centro da vida política, dignifique esta institución e que os problemas da rúa se deixen sentir no Parlamento”.

Unha vez constituído o Parlamento, dixo Pontón, presentaremos unha iniciativa co fin de poñer en marcha “o Plan retorna” que serva para que as persoas que emigraron, de maneira forzada, teñan a oportunidade de voltar. O Plan retorna, explicou a portavoz parlamentaria, debe “estar consignado nos orzamentos no ano 2017, cun mínimo do 1% de recursos da Xunta de Galiza e destinar eses cartos á contratación de investigadores e investigadoras, tecnólog@s e persoal en sectores estratéxicos do noso país”.

Por outra banda, Ana Pontón asegurou  que para captar e reter o talento en Galiza é necesario  favorecer que a xente que emigrou poida crear a súa propia empresa e no ámbito social establecer medidas de apoio ao acceso de vivenda e mellorar a súa formación.

A emigración xuvenil, manifestou a portavoz do BNG, é un grave problema que debe ser abordado nesta lexislatura así como facilitar o retorno do talento e creatividade emigrada para que redunde no “emprego e riqueza en Galiza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG