GALEGAS 2016

Ana Pontón insta a un voto masivo desde a ilusión

Ana Pontón insta a un voto masivo desde a ilusión

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, insta a todos os galegos e galegas a unha participación masiva nesta xornada electoral, e a facelo con “ilusión”, porque está en xogo algo tan importante como decidir que rumbo de tomar Galiza a partir de hoxe.

“Animo a ir votar, cada voto é decisivo, e que todos e todas as galegas voten con ilusión, pensando que é importante porque imos decidir que Galiza queremos, que camiño queremos elixir”, apelou a candidata nacionalista, quen asegurou que para decidir ese futuro “é clave que haxa unha ampla participación democrática”.

“Estamos nun momento moi complexo para o país e é importante que hoxe a voz de todos os galegos e galegas se deixe sentir nas urnas, porqué é moito o que nos xogamos nestas eleccións”, recalcou minutos despois de exercer o seu dereito a voto ás 10.30 horas no colexio electoral ubicado na sede do CGAC en Santiago de Compostela.

Pontón, acompañada de responsables políticos e militantes nacionalistas, pasará as próximas horas visitando mesas electorais para saudar a interventor@s e apoderadas, para pola tarde facer un seguimento da xornada co resto da executiva nacional, antes de desprazarse á Nave de Vidan, en Compostela, desde onde o BNG analizará os resultados electorais.