Ana Pontón: “Os gobernos municipais do BNG son os que marcan a diferenza en Galiza”

Mais de 300 persoas arroupan ao alcalde de Barro na celebración dos dous primeiros anos de mandato.

O BNG de Barro celebrou na noite deste sábado una cea aberta a toda a veciñanza do concello, con motivo dos dous anos de chegada ao goberno municipal,na que participaron mais de 300 persoas.

Na cea participou a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, que coa súa presenza quixo respaldar o bo facer do BNG ao frente do Goberno municipal. Na opinión de Pontón, “os gobernos municipais do BNG son os que marcan a diferenza en Galiza. A nós defínennos os feitos, e non só as palabras. Para gobernar hai que ter proxecto, solvencia, rigor e audacia para o poñer en marcha. E no BNG demostramos, alí onde gobernamos, que sabemos mellorar a vida das persoas e transformar os lugares.”

Para Pontón, o gran número de veciños e veciñas que asistiron a esta cea de apoio ao goberno municipal “é un reflexo da ilusión creada e do bo traballo feito polo BNG nesta primeira metade do mandato en Barro”.

Pola súa parte o alcalde, Xosé Manuel F. Abraldes, agradeceu a presenza de tantos veciños e veciñas, polo que significa de recoñecemento ao traballo que levamos feito nestes dous anos. “En dous anos fomos capaces de cambiar as dinámicas sociais de Barro, facer una aposta pola mellora na calidade de vida da xente e implicar a todos os colectivos sociais e a moitas persoas a título particular,a través dunha política de participación e transparencia, que nunca se vira no noso concello”.

Na súa intervención Abraldes fixo un repaso das liñas de traballo que se puxeron en marcha para mellorar os servizos públicos, dinamizar a vida social, dotar de equipamentos e facer que todas e todos esteamos orgullosos de vivir en Barro. "Son moitas as cousas que levamos feito nestes dous anos, pero son consciente de que son moitas mais as que quedan por facer".

Abraldes comprometeuse a que o BNG seguirá mantendo este intenso ritmo de traballo para mellorar a vida da xente, e agradeceu o "apoio e a implicación de todas e todos, sen a vosa colaboración todo sería moito máis difícil".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG