Ana Pontón: “O Goberno galego non está a facer os deberes contra a violencia machista”

Reunión xunta de portavoces
Reunión xunta de portavoces
Ana Pontón: “O Goberno galego non está a facer os deberes contra a violencia machista”

No vindeiro pleno, manifestou Pontón, é preciso facer un balanzo da violencia machista e situar esta realidade  no centro do debate político. Estamos ante unha “situación moi grave” contra a que os poderes públicos non actúan con “contundencia” polo que pediu máis medios e recursos e cumprir a Lei contra a violencia de Xénero.

Para nós,  o que está acontecendo só podemos cualificalo de “terrorismo contra as mulleres” e esa será a pregunta que lle formularei a Núñez Feijóo porque o machismo leva asasinado a máis mulleres en todo o Estado español que o terrorismo. Dende o ano 2000 foron recoñecidas 678 vítimas de terrorismo mentres que o machismo asasinou a “1.081 mulleres,  das que 59 eran  galegas” e a pesar destes datos vemos como o “terrorismo machista” segue sen ocupar ese primeiro plano no debate político. O Estado español, os poderes públicos e a Xunta de Galiza deben abandonar “o conformismo e a rutina” e mellorar a resposta contra  violencia de Xénero.

Asemade, criticou que o Goberno galego “non estea a facer os deberes na loita contra a violencia machista” e criticou  a baixa execución dos orzamentos en política de Igualdade, cun   53%  e un 5,9%  nos programas de conciliación.

A XUNTA LANZA UNHA CAMPAÑA QUE OFENDE ÁS MULLERES

 A Xunta, en vez de facer campañas de sensibilización contra a violencia de xénero preséntanos unha campaña do 25 de Novembro   que repite os “estereotipos e cousificación das mulleres” polo que a portavoz nacionalista pediu retirar a campaña publicitaria  e que  a Xunta non insista   teimosamente  nunha campaña que ofende ás mulleres e resulta “contraproducente” para loitar contra a violencia machista.

O BNG PIDE QUE O PARLAMENTO SE PRONUNCIE CONTRA A APLICACIÓN DO 155

Para a portavoz do BNG, o Parlamento galego debe pronunciarse contra a aplicación do artigo 155 por representar unha  “ameaza” contra os dereitos e as liberdades públicas.  Neste sentido, avanzou que o BNG proporá responder con este pronunciamento  á “maior involución producida durante  40 anos no Estado español”. Debemos pronunciarnos contra aplicación “ilegal” do 155 que pon en grave risco a democracia e o noso poder para tomar decisións, concluíu.