Ana Pontón: “Galiza non pode quedar discriminada ante o cambio institucional que se aveciña”

Presentación das Bases Democráticas en Rianxo
Presentación das Bases Democráticas en Rianxo

Presentou en Rianxo  o documento Bases democráticas, proposta do BNG para superar o corsé da Constitución e do Estatuto

A portavoz nacional do BNG reivindica en Rianxo un “novo status político ” para Galiza nun momento no que se producirán grandes cambios a nivel de Estado.

No Auditorio Municipal de Rianxo acompañada do alcalde nacionalista, Adolfo Muíños,  así como de responsables municipais e comarcais  da Pobra, Ribeira e Noia,  a portavoz nacional do BNG presentou as Bases Democráticas para unha nova Galiza,  un documento que pretende ser  un punto de partida para iniciar un  debate entre as forzas políticas, axentes económicos, sociais e culturais destinado a   evitar que Galiza perda posicións. O noso país, dixo, “debe dar un paso adiante desde  o recoñecemento de Galiza como nación”, e urxe facelo nun  momento no que se producirán grandes  cambios a nivel de Estado. “Galiza non pode quedar fora dese cambio no actual marco institucional, non pode quedar atrás nin discriminada”.

Presentación das Bases Democráticas en RianxoPontón recalcou que “un  novo status para a nación galega” significa abordar  un novo sistema financeiro, mais  capacidade fiscal, un  concerto económico beneficioso para o noso país, xestionar  infraestruturas como a AP9 e os aeroportos, decidir sobre o noso  sector enerxético, e mudar unha  política forestal “fracasada” como demostrou a vaga de incendios do 15 de outubro ademais de apoiar os nosos sectores produtivos  pesqueiro e marisqueiro  de tanta relevancia nesta comarca.

“Ter e exercer o autogoberno implicaría contar con  ferramentas necesarias  para mellorar as condicións de vida de todos e todas as  galegas”, remarcou.

O actual Estatuto e a Constitución non permitiron que Galiza puidera desenvolver todo o noso potencial e hai problemas estruturais que seguen estando presentes e mesmo foron agudizados nestes anos de crise, explicou.

A portavoz do BNG criticou a  “recentralización política” impulsada polo Partido popular e partido socialista da que dixo, resultou  “unha receita letal” para o noso país, para a nosa economía, a nosa lingua e a nosa  cultura. Pontón  insistiu na necesidade de dar un “xiro ao poder político galego” porque de non ser así, advertiu,  veremos como Galiza sae “moi mal parada” do novo escenario político que se está a abrir.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG