Ana Pontón: “Galiza non pode baixarse do tren das nacións, retrocederíamos e perderíamos oportunidades”

Presentación en Lugo das Bases Democráticas
Presentación en Lugo das Bases Democráticas

A portavoz nacional presentou en Lugo as Bases Democráticas para dar a Galiza poder político real e "construír un país no que ninguén quede atrás"

Ana Pontón: “Galiza non pode baixarse do tren das nacións, retrocederíamos e perderíamos oportunidades”

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Lugo as Bases Democráticas, proposta política do BNG para redefinir o status político de Galiza e dotarse das ferramentas necesarias para darlle aos galegos e as galegas unha vida mellor e construír un país “no que ninguén quede atrás”. E presenta esta proposta nun momento político “excepcional” aberto o debate para superar o réxime do 78, debate no que Galiza non pode quedar de mera espectadora, senón ser protagonista e definir o seu propio camiño.

“A opción non é quedarse mirando vendo que pasa porque se quedamos quietos retrocederemos como país, e o BNG non vai permitir que pase. Por iso presentamos as Bases Democráticas, para superar o corsé da Constitución e do Estatuto,  -que non serviron para solucionar os problemas de Galiza-, e dotarnos de novas ferramentas para conseguir un país con máis oportunidades e mellorar a vida da xente”, salientou Pontón.

Este é o obxectivo que lle levou á portavoz nacional a ofrecer ao presidente da Xunta a creación dunha ponencia parlamentaria para deseñar o novo status político e institucional de Galiza, partindo do seu recoñecemento como nación. Nese sentido, as Bases Democráticas é a proposta do Bloque para iniciar un debate “sereno con toda a sociedade galega, co resto das forzas políticas, cos colectivos económicos, sindicais, sociais e culturais para sacar adiante unha proposta que beneficie a Galiza”.

Para a dirixente do Bloque, neste momento decisivo, hai que evitar que Galiza perda posicións mentres outros territorios avanzan, e amosou a súa preocupación pola inacción de Feijóo ante un tema de tanto calado. “Témome que, unha vez máis, Feijóo vaise limitar a ser fiel executor do que diga Madrid, do que lle diga Rajoy, mesmo a costa dos intereses dos galegos e das galegas”, advertiu.

“Galiza non pode baixarse do tren das nacións, non podemos permitir un escenario no que os demais avanzan mentres este país retrocede, porque iso significa perder oportunidades nunha especie de aldraxe bis que só agudizará os nosos problemas”, como a precariedade, paro, emigración, envellecemento e despoboación ou desmantelamento dos sectores produtivos.

Presentación en Lugo das Bases DemocráticasContidos clave para unha democracia de calidade

As Bases Democráticas, -que o BNG equipara en calado político coas Bases Constitucionais Galegas de 1977-, establece que Galiza e unha nación onde a soberanía reside no pobo galego, que dispón de pleno autogoberno e con todas as ferramentas no político, no económico e no xudicial.

A proposta nacionalista quere sentar as bases para conseguir o progreso e benestar do pobo galego, nunha democracia participativa e avanzada e con máis dereitos individuais e colectivos.

Neste sentido as bases inclúen: Establecer a idade de voto nos 16 anos, a posibilidade de realizar referendos vinculantes se o solicita o 3% do censo electoral e, tamén, de revocar cargos públicos electos implicados en situacións de corrupción. Igualmente, por lei participación e representación paritaria, garantías constitucionais ao exercido dos dereitos sexuais e reprodutivos, singularmente o da muller a decidir libremente sobre o seu corpo. Queda recoñecido por lei o dereito das mulleres a unha vida sen violencia de xénero.

Dereitos laborais e sociais

No ámbito dos dereitos laborais e sociais, as Bases Democráticas recollen a implantación dunha renda social básica que garanta unhas condicións de vida dignas, unha carta de dereitos sociais avanzada para o conxunto da cidadanía, en particular para os colectivos máis vulnerables, xestión directa da Seguridade Social e garantía das pensións de xubilación por parte dos poderes públicos. Blindaxe dos servizos públicos, en particular, saúde, educación e servizos sociais.

En materia económica e de emprego: Facenda galega e política fiscal e financeira propia, decisión plena para desenvolver os sectores produtivos e xestionar os recursos do país, banca pública galega con plena capacidade normativa sobre o sector financeiro que actúe en Galiza, tarifa eléctrica galega e capacidade para emitir débeda pública.

Finalmente, clave o recoñecemento da lingua e outros sinais de identidade. O galego será o idioma vehicular no ensino e Galiza terá plena capacidade para lexislar e desenvolver o sistema educativo en todos os niveis en aras dun ensino público de calidade, laico e  en galego.