Ana Pontón: “Galiza continua desaparecida e muda fronte a outras nacións no debate da moción de censura”

Ana Pontón
Ana Pontón

Para a líder do BNG, os motivos para a moción de censura contra o Partido popular, Rajoy e as políticas da  Unión europea, son os mesmos que existían hai un ano cando Podemos e o Partido socialista antepuxeron os seus intereses partidistas fronte aos intereses da cidadanía

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe que  “hai motivos para unha moción de censura ás políticas   do Partido popular, a Rajoy e as políticas que nos impón a U.E pero eses mesmos motivos xa existían hai un ano cando o Partido socialista e Podemos  antepuxeron os  seus   intereses partidistas fronte aos intereses da cidadanía e   acabaron provocando un reforzamento da dereita  no Estado español”.

A nacionalista recalcou que a diferenza de Cataluña, Euskadi ou Canarias, no debate da moción de censura, “Galiza está desaparecida e muda” mentres outras nacións se escoitarán con voz propia  nun debate nos que se están a poñer enriba da mesa “os grandes problemas do Estado”. Esta situación, engadiu, xa a vivimos no debate dos Orzamentos e agora coa moción e censura merece unha reflexión porque sabemos que aquilo que non se nomea “non existe”e non existir nunca pode ser unha opción para os  galegos e galegas.

Trala xunta de portavoces e  na súa comparecencia ante os medios de comunicación,  Pontón anunciou que á iniciativa do BNG será debatida, na vindeira sesión plenaria, a  venda do Banco Pastor, da que dixo, foi produto “dunha cadea de decisións político financeiras” dentro dunha estratexia de “concentración e centralización” e unha “estafa” aos traballadores e traballadoras e  pequenos inversores que mercaron participacións avaladas polo Banco Central e a Comisión Nacional do mercado de Valores. Feijóo, “o liquidador do sistema financeiro galego” debe dicir de que lado está, “se dos intereses da familia Botín ou fendendo o emprego e entidades  de crédito vinculadas a noso país.” Neste sentido, censurou que Feijóo “fuxa do debate” e non  compareza  no Parlamento de Galiza polo que anunciou que a pregunta do BNG ao presidente estará centrada en esixirlle responsabilidades e un compromiso real   cos  traballadores e pequenos aforradores.

Ademais, Pontón adiantou que o BNG tamén levará a pleno unha petición para que a Xunta remita unha proposta, antes de final de mes, sobre a súa posición ante un novo modelo de financiamento para o seu debate no Parlamento galego porque está en xogo o finanzamento da nosa sanidade e servizos públicos.

Noutra orde de cousas, o BNG trasladará á Cámara galega o anunciou do Goberno central sobre o decreto polo que todos os galegos e galegas pagaremos a luz máis cara. Pontón criticou que  Feijóo vete unha tarifa eléctrica galega para que poidamos beneficiarnos da produción de enerxía.

Pensións galegas, as   segundas máis baixas do Estado español

Finalmente, a situación dos pensionistas en Galiza tamén será debatida á iniciativa do BNG. Temos, explicou a nacionalista, 750.000 persoas  en Galiza que cobran as  pensións pero son as segundas máis baixas do Estado e nas provincias de Lugo e Ourense non alcanzan os 700 euros. Neste aspecto, o BNG formulará unha proposta para defender o sistema público de pensión e a súa  revalorización.

Atentado contra o patrimonio no concello de Moaña

A portavoz do BNG rematou a súa intervención aludindo ao rexistro da  pregunta urxente ao goberno sobre o “atentado contra o patrimonio” da pasada fin de semana co incendio provocado no concello de Moaña no estaleiro de ribeira que acollía un proxecto para recuperar o  estaleiro e desenvolver actividades culturais. O BNG pedirá a Xunta un compromiso para a recuperación do estaleiro e a posta en marcha do Museo, como reclaman “todos os veciños e veciñas”. Pontón cualificou de “atentado terrorista” o incendio intencionado do estaleiro moañés.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG