Ana Pontón: “Fun á universidade grazas ao ensino público e o IES Rosalía é un exemplo a seguir”

ANAPONTON IES ROSALIA3
Ana Pontón e Rubén Cela no IES Rosalía

Demanda de Feijóo un “cambio de rumbo” que acabe cos recortes e a privatización

Parabeniza á equipa directiva do centro compostelán que encabeza Ubaldo Rueda, polos excelentes resultados académicos

O fin do curso escolar volveu poñer de manifesto que, pese aos recortes, o centros educativos públicos destacan polos seus resultados académicos, entre eles o compostelán IES Rosalía de Castro nun lugar destacado polo seu nivel docente e a participación do alumnado.

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o convite da dirección a visitar o centro para exemplificar no Rosalía o apoio do BNG ao ensino público e ao persoal docente que suple, “con entrega e paixón”, os recortes orzamentarios en educación.

Os resultados deste centro e doutros no país “demostra a excelencia dos e das docentes do ensino público, que fan un esforzo extraordinario para que non se resinta a calidade pese aos recortes dos últimos anos. Sen ese compromiso co ensino público non sería posible sortear os recortes”, salientou Pontón, quen demandou da Xunta un cambio de rumbo.

“Lanzamos unha mensaxe á propia Consellería de Educación nun fin de curso no que se recorta profesorado, se pechan centros é, en paralelo, se detraen fondos para o ensino privado. Hai que cambiar o rumbo, restituír persoal, non pechar centros, e incrementar os orzamentos”, reclamou, convencida de que investir no ensino público “é a mellor garantía dunha Galiza na que as persoas teñan oportunidades”.

Na visita xunto co portavoz municipal Rubén Cela e acompañada polo director do centro, Ubaldo Rueda,  e o resto da equipa directiva, Pontón subliñou a importancia do ensino público para que os fillos e fillas das familias con menos recursos poden ter unha formación de calidade.

“Eu mesma puiden ir á universidade grazas ao ensino público”, confesou, “IES como o Rosalía demostran a capacidade que ten o ensino público, e defendelo é unha obriga que temos todos e todas”, alegou tras parabenizar a dirección, persoal docente e estudantes dun centro que é referente pola súa calidade e por iniciativas como o consolidado premio literario San Clemente.

“Estamos a falar do futuro dos e das mozas, do futuro do país, e nunha sociedade na que medran as desigualdades blindar o ensino público é a única garantía para que quen ten menos recursos non se quede atrás”, indicou Pontón, de aí o recoñecemento do BNG “convencidos de que é o mellor investimento que podemos facer como sociedade”.

A portavoz nacional concluíu a visita ao centro compostelán transmitindo o apoio e recoñecemento do Bloque a ensino público e a uns profesionais, “que fan que este sistema educativo tire para adiante porque entenden o seu oficio como moito máis que un traballo”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG