Ana Pontón fixa como prioridade da Lei de Memoria Histórica Galega resarcir ás vítimas da Ditadura

Homenaxe a Pedro Galán Calvete
Homenaxe a Pedro Galán Calvete

Homenaxe do BNG a Pedro Galán Calvete, secretario das mocidades galeguistas asasinado polos golpistas en 1936 con apenas 19 anos

“É indecente que Rajoy presuma de non gastar un euro na lei da memoria histórica e a Xunta done 53.000€ á familia Franco para xestionar Meirás”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na homenaxe do BNG a Pedro Galán Calvete, quen fora secretario de organización das mocidades galeguistas asasinado polos golpistas con apenas 19 anos, e cuxo cadáver apareceu nunha cuneta da Corveira na Coruña o 16 de setembro de 1936.

Ao inicio do acto no cemiterio coruñés de San Amaro, salientou que o texto para unha Lei galega de memoria histórica que o BNG remitirá ao Parlamento en breve, ten como un dos principais obxectivos establecer os mecanismos necesarios para resarcir e restituír a dignidade de todas as vítimas do franquismo.

“Temos esa débeda ética coas vítimas, con todas as persoas que, como Pedro Galán, loitaron pola liberdade, pola democracia, por un país mellor, e nesa loita perdérono todo, mesmo a súa vida, como no caso deste mozo galeguista cuxo único delito foi plantarlle cara ao fascismo”, salientou Pontón.

“Por iso, o BNG quere que Galiza conte cunha lei propia de memoria histórica que supoña un recoñecemento das vítimas do fascismo e lles brinde unha reparación xurídica e económica, lei que estamos ultimando para enviar ao Parlamento e sometela a debate e consideración do resto dos grupos, despois de recabar as propostas de asociacións, entidades e investigador@s nesta materia”, explicou.

En plena polémica polo Pazo de Meirás e outras propiedades espoliadas polo Franquismo en Galiza, Pontón tachou de “indecencia política que Rajoy presuma de non gastar nin un euro na aplicación da Lei estatal da memoria histórica, mentres Feijóo desde a Xunta dona 53.000 á familia Franco para xestionar as visitas a un pazo que é propiedade dos e das galegas, pero que está convertido nun parque temático de exaltación do franquismo”.

A dirixente nacionalista advertiu contra a “onda reaccionaria” do Estado, que se mostra de cheo ante situacións como a do pobo catalán e o seu lexítimo dereito a decidir nas urnas o seu futuro como nación. “Non podemos deixarnos intimidar nin ter medo, porque iso é o que pretenden aqueles que optan polo inmobilismo, que queren impedir cambiar as cousas que non funcionan”, alegou.

O Bloque reivindica unha política pública da memoria desde o Goberno galego con máximo rango institucional, que sexa transversal e participativa, que inclúe anular todos os xuízos e as condenas ditadas polos tribunais do franquismo entre 1936-1975, exhumación das vítimas soterradas en foxas comúns cun plan específico e a supresión de toda a simboloxía fascista.

Comisión da verdade

A lei da memoria que ultima o BNG da especial relevancia á divulgación, polo que propón a creación dunha comisión da verdade, unha oficina de atención ás vítimas así como a elaboración dun amplo estudo que recolla a información da represión pero tamén da loita de resistencia contra o franquismo, como por exemplo a guerrilla, e que se faga a través do sistema educativo e dos medios de comunicación públicos.

O acto tamén contou coa participación de Pedro Galán Horro, en nome da familia, Francisco Rodríguez e Pilar Pallarés.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG