Ana Pontón: “Feixóo ten que dar explicacións pola sentenza que permitirá ás eléctricas subir o recibo da luz”

Ana Pontón
Ana Pontón

“Os tentáculos do lobby enerxético están nos consellos de ministros e na tamén na  Xustiza con sentenzas que son unha burla a Galiza”, denuncia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou hoxe ao presidente da Xunta a dar explicacións ante a sentenza do Tribunal Supremo que permitirá ás eléctricas  encarecer o recibo da luz por valor de 70 millóns de euros. Para a nacionalista, é unha “burla a Galiza” que o Partido Popular permita que os galegos e as galegas paguemos máis pola luz cando somos un país produtor de enerxía.

Para Pontón, esta sentenza é unha consecuencia das decisións políticas do PP que non acepta o principio polo cal “si contaminas pagas”, posto que non obriga a pagar ás eléctricas pola contaminación da produción de electricidade senón que traslada ese custe as persoas usuarias. “Os tentáculos das eléctricas non só están nos consellos de ministros, senón tamén na Xustiza  con sentenzas disparatadas como esta”.

Pontón anunciou que o BNG reclamará a comparecencia urxente do conselleiro de Industria porque a Xunta sempre negou a posibilidade de que se producira un incremento na factura da luz a través da súa política impositiva, a pesar das advertencias do Bloque “que agora comprobamos como se converten  en realidade”, salientou. “A subida do recibo está ás portas”.

Por outro lado, na proposición de lei do BNG que será debatida no próximo Pleno no Parlamento galego, a formación nacionalista defenderá unha tarifa eléctrica galega que supoña unha rebaixa na factura da luz. “Temos dereito a beneficiarnos da produción de enerxía eléctrica” recalcou. A iniciativa lexislativa do BNG, explicou, inclúe tamén unha proposta para eliminar os artigos que permiten que o Goberno do Estado “nos poda subir a luz aos galegos e as galegas”.

É necesario que esta lei saia adiante para que non se produza un novo abuso a Galiza e impedir este espolio dos nosos recursos enerxéticos que, ademais, supón negarnos obter beneficios do feito de ser produtor neto de electricidade, para colmo a factura aínda será máis cara con esta sentenza que revoca unha decisión do Goberno de Feixóo”, alegou. Por iso, “o presidente da Xunta debe dar explicacións dunha situación da que é cómplice e responsable”.

Dende o BNG, avanzou, “non calaremos nin aceptaremos este despropósito” con leis que permiten sentencias como a que repercute no consumidor os impostos  das empresas eléctricas e cun poder xudicial “que non defende ás maiorías porque defende os intereses das empresas privadas”, concluíu Pontón, de visita en Pontevedra para coñecer de primeira man o sistema de compostaxe posto en marcha polo Goberno local.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG