Ana Pontón a Feijóo: “Non use centrais do Xallas para pagar os favores que debe ao imputado Villar Mir”

  • “Galiza, Galiza, Galiza transformouse en PP, PP, PP”, criticou e propón  investigar as concesións ao empresario implicado na Operación Lezo
  • Recrimina o pobre balance das xestións de Feijóo co Goberno central en temas clave para o país: AP9, AVE, financiamento, tarifa eléctrica galega

A imputación de Villar Mir na Operación Lezo por suposto financiamento ilegal do PP fai máis urxente que a Xunta peche o asunto, “cada vez máis turbio”, da pretensión ilegal do empresario de vender as centrais do Xallas co único fin de “facer caixa, coller o diñeiro e pirarse” a costa dunha concesión que garante o mantemento das plantas de CEE e Dumbria.

Esa foi a reclamación da portavoz nacional, Ana Pontón, na sesión de control ao presidente galego.

“Por respecto a este país, pídolle que deixe de agocharse nas medias mentiras e fale claro. Advírtolle que Galiza non está para pagar as mordidas, nin os favores que o PP lle debe a Villar Mir. Favores polos que, é evidente, leva meses intento pasarlles a factura. Factura que ten un concepto moi claro: venda ilegal das centrais do Xallas”, denunciou Pontón.

Pese a lembrarlle o novo ultimato da empresa e que na Costa da Morte “hai centos de postos de traballo en xogo”, Feijóo evitou asumir o máis mínimo compromiso en contra da venda ilegal, nin sequera tras as sombras que aporta o último escándalo de corrupción do PP “que ten a particularidade de afectar de cheo ao interese xeral de Galiza”.

“Galiza, Galiza, Galiza quedou transformado en PP, PP, PP esquecendo o seu compromiso”, recriminou Pontón tras sacar a colación a “xenerosa doazón de Villar Mir á Fundación Fraga ou a adxudicación a dedo por 1,3M€ da xestión dos albergues do Camiño de Santiago á construtora OHL, tamén propiedade do agora imputado neste novo caso de  financiamento ilegal do PP.

Neste contexto, Pontón pediu a Feijó unha comisión de investigación que analice todas as adxudicacións e contratos públicos ao grupo Villar Mir e todo o financiamento ao PP por este empresario. “Poña fin a este turbio asunto da venda ilegal declarando neste Parlamento que as centrais do Xallas nin se venden, nin se segregan”, reiterou.

Pontón tamén fixo balance do pésimo resultado para Galiza da relación entre Xunta e Goberno central en temas clave para o país: AP9, AVE, financiamento ou tarifa eléctrica.

“En materia de novas competencias o resultado é de suma cero, o único presidente que non conseguiu nin unha soa en 8 anos. Somos exportadores netos de enerxía, pero temos cero beneficios para as familias e as empresas, e mentres outros territorios festexan 25 anos de AVE vostede xustifica o enésimo retraso da chegada da alta velocidade a Galiza, que no mellor dos casos chegará en 2019, case 30 anos despois!”, enumerou  a portavoz do Bloque.

A esta lista de fracasos, o BNG suma o recortazo de 442 millóns de euros nos investimentos do Estado, ante o que o presidente da Xunta “creando unha comisión de  seguimento do recortazo”, ironizou, que se suma á comisión conxunta da AP9. “Con que resultado? Máis atascos e máis peaxes”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG