SESIÓN DE INVESTIDURA DE FEIJÓO

Ana Pontón a Feijóo: “Non temos medo a súa maioría, danos máis forza para traballar por Galiza”

  • A nacionalista cualificou de “día da marmota” a intervención de Feijóo no debate de investidura e preguntou por que “se non hai crise, hai recortes”

Sesión plenaria investidura- A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe na sesión de investidura cambiar o modelo de financiamento, recuperar o poder financeiro roubado coa liquidación das caixas de aforro, unha tarifa eléctrica galega, apostar por políticas de I+D+i, o retorno do talento emigrado, máis recursos para a loita contra a violencia de xénero e  blindar os servizos socias.

Na súa intervención, Ana Pontón díxolle a Feijóo “non temos medo a súa maioría, danos máis forza para traballar por Galiza” e preguntou “si non hai crise”, como afirma o candidato á presidencia da Xunta de Galiza, porqué “hai recortes”. Neste sentido Pontón asegurou que   o inmobilismo de de Feijóo é “un lastre para progresar e modernizar o país”.

Estes debates, dixo, Pontón empezan a parecerse ao “día da marmota” en alusión as promesas formuladas por Feijóo para erradicar o paro, apoiar aos emprendedores, reter a investigadores e investigadoras ou blindar os servizos públicos. Hai que recoñecerlle, ironizou a nacionalista que é un bo propagandista pero a propaganda non da de comer nin resolve os problemas. A parlamentaria criticou a similitude das promesas de Feijóo no debate de investidura coas  realizas hai oito e catro anos. Nesta liña, Pontón  lembrou que cada vez que hai un debate de investidura volve a prometer un cambio de modelo de financiamento e xa levamos “oito anos perdendo posicións”, polo que reclamou máis cartos para financiar os servizos públicos e impulsar o emprego, “necesitamos eses 3.000 M€ que cada ano o Estado recada en Galiza e non retornan”, mentres vostede segue renunciando a ter “autonomía fiscal plena e unha facenda pública galega”.

Por outra parte, a portavoz do BNG tamén aludiu ao control da enerxía que producimos e reclamou unha “tarifa eléctrica galega” así como unha aposta estratéxica polas políticas de I+D+i. En todos estes ámbitos, recalcou Pontón, “vostede nunca militou en Galiza, sempre foi militante dos intereses do seu partido”.

Galiza precisa de poder político

Dende o BNG queremos superar un “estatuto autoanémico”, necesitamos un novo Status quo e instrumentos para para recoñecernos   como “unha nación” e que nos permitan decidir sobre a economía galega, unha facenda galega para recadar os nosos impostos e unha “carta avanzada de dereitos sociais blindando os servizos públicos e o benestar das persoas”.

Mentres moitos países abandonaron un modelo baseado na produción enerxética tradicional, que pasou en Galiza e no Estado co PP?. Que paralizou o desenvolvemento eólico, eliminaron as primas ás renovábeis e impuxeron medidas disparatadas como un imposto ao sol. E mentes, a nivel mundial, as enerxías verdes duplicáronse. No último ano a enerxía renovábel medrou nun 23,5% en Alemaña  ou un 21 % en China. É dicir, mentres outros países están situados na vangarda e constrúen o futuro, na Galiza imos na dirección contraria.

A quen beneficia isto?, a propia Pontón respondeu a ENDESA, a Iberdola e Gas Natural que seguen mantendo o seu oligopolio e beneficios indecentes. Sr. Feijóo, está claro, vostede antepón as portas xiratorias que garanten retiros dourados á defender que a enerxía é dos galegos e das galegas e que é preciso un cambio de modelo. Permítame un exemplo. Agora mesmo vostede ten que decidir sobre o futuro de moitas familias da Costa da Morte, que están pendente da súa decisión sobre a venta das minicentrais do río Xallas. Vai antepoñer os intereses especulativos de Villar Mir ou os intereses das familias deste país?. Convénzanos Sr. Feijóo de que vostede é “militante de Galiza”.

Falsas promesas para os sectores produtivos   

Volveu prometernos, dixo a deputada,   o mesmo paraíso imperfecto que hai catro anos: un Fondo para o crecemento, investimentos en reformas estruturais para o lácteo e o forestal ou priorizando a innovación, Programa de captación de talento,reter os investigadores mellor formados,traer a investigadores de fóra en áreas estratéxicas, Petróleos Mexicanos ía instalarse en Punta Langosteira estabelecendo a súa base loxística en Europa, a frota petroleira mexicana ía renovarse en Galiza, triplicar a superficie industrial,promover a ordenación forestal reducindo os lumes e ampliando a base territorial das explotacións,Plan de industrialización do rural galego,novas vías de negocio para as industrias auxiliares do sector da automoción e o maior concurso eólico da historia.O maior concurso eólico da historia.

Sr. Feijóo estas son as súas promesas, 4 anos despois “non lle dá apuro ver que a súa palabra non vale nada?”

O paraíso que promete non se conquista cos prezos do leite máis máis baixos do Estado.  O paraíso tampouco chega para a xente que vive do mar, que teñen as nosas rías sen sanear e ven como, ano a ano, as cotas de pesca sempre son insuficientes. O paraíso tampouco está no naval, onde desapareceron máis de 4.000 postos de traballo. Ou no sector da automoción, que viu como máis de trinta empresas auxiliares se deslocalizaron a Portugal, cunha perda de 3.000 empregos.

Corrupción

Vostedes non se ruborizan presentando códigos que   falan de exemplaridade, de ir máis alá das previsións da lei,  de verdade cree que é compatíbel este código ético con manter a Baltar como presidente do PP de Ourense e como presidente da Deputación?.De verdade o sentido da exemplaridade que vostede defende e compatible coa habitación 505 do Hotel Francisco II de Ourense e con ofrecer empregos públicos a cambio de sexo?.

Pero hai corrupción en A que esconde detrás das mentiras, da manipulación e no BOE e no DOG como a  dunha prórroga inmoral a ENCE, para que siga contaminando durante 60 anos máis a ría de Pontevedra e fomentando o monocultivo de eucalipto. “Vostede prometeu quitar ENECE da ría en 2009, e agora defende a capa e espada que siga contaminando a ría e afectando á saúde das persoas”.

A corrupción tamén está na falta de investigación do accidente de Angrois, “temos dereito dereito á verdade”. Está disposto a colaborar coas vítimas ou vai seguir sendo cómplice e parte dunha das grandes mentiras de Estado? preguntou a nacionalista.

A corrupción, proseguiu Pontón,  tamén está nos rescates á banca e ás construtoras . Neste país hai sentenzas que condenan a máis de tres anos de cárcere a persoas por roubar comida e os causantes do desfalco das caixas e dun desfalco de miles de millóns de euros públicos, seguen en liberdade paseándose como señores. “Isto pasou na Galiza coa súa complicidade”. Vostede hai catro anos comprometera unha investigación. E si, constituíse unha comisión. Pero foi unha comisión a que non se lle deixou investigar nin concluír. Que ten que ocultar señor Feijóo? Imos ter outra comisión de investigación amordazada, atada de pes e mans?

A  AP-9: Unha  estafa legal

Vostede comprometeuse hai 8 anos, a acadar a transferencia da AP-9 e da AP-53. O resultado: peaxes máis altas e veto por parte do PP ao debate dunha lei aprobada neste Parlamento. Xa vemos señor Feijóo cal é o seu peso en Madrid. “Peso pluma”.

Demografía

Vostede buscando o titular fácil falounos de demografía, igual que hai catro anos. Pero os seus plans e  modelo agudiza este problema. Na súa última lexislatura, 60.000 galegas e galegos menos, o INE estima que Galiza perderá 230.000 habitantes. Esta cifra significa a metade da poboación que perderá todo o estado español xunto.

O problema é complexo, sabémolo, pero fai falta algo máis que as súas caixas finlandesas. Trátase de ter emprego digno e non salarios de miseria , trátase de que haxa medidas para conciliar e igualdade real. É fundamental que a xente non emigre. Vostede minimiza o problema da emigración en Galiza e así resulta imposíbel.  Facilitemos a volta da mocidade, ese si é un “antídoto contra o envellecemento”. Aquí lle fago unha proposta de país: “Plan Retorna, destinemos o 1% do orzamento de 2017 a facilitar o regreso da xente moza”.

Dereitos, liberdades e servizos públicos

 Hai catro anos comprometeuse vostede  a deixar atrás a crise en 2015. “Se non hai crise, por que hai recortes?” preguntou a portavoz do BNG.  e acusou ao PP de  crear  a tormenta perfecta, “reformas laborais que precarizan o traballo, leis mordazas para frear a protesta social, recortes de servizos públicos, privatizacións que poñen en risco a saúde e a vida das persoas ou leis como a LOMCE, que son un paso atrás e camiñan cara un modelo regresivo, antigalego e elitista”.

Pontón instou a Feijóo a poñer en marcha un Plan de rescate do servizos públicos, a empezar polo Hospital de Vigo, “repoña as médicas e os profesores recortados, aposte pola loita contra a pobreza cunha Renda de Integración Social, elimine os repagos nos medicamentos e dote dos cartos necesarios a aplicación da Lei da dependencia”.

Aposte con orgullo polos nosos creadores e creadoras. Non  dilapide máis recursos públicos no soño de Manuel Fraga, nesa Cidade da Cultura que é un saco sen fondo,   apoie o talento e recupere a Consellaría de Cultura.

Señor Feijóo, inicie  unha nova etapa no sistema educativo, non xogue coa educación dos nosos nenos e nenas e promova   un grande acordo para deixar atrás a LOMCE, as reválidas e os recortes. “Queremos un sistema educativo que sexa igualitario, onde a filla dunha labrega coma min, teña as mesmas oportunidades de acudir á universidade que a filla dun empresario como Amancio Ortega”. Necesitamos un ensino  co-educativo, só así daremos pasos reais cara unha sociedade igualitaria, libre de machismo.

Pacto contra a Violencia de Machista

A portavoz do BNG lembrou que o pasado martes, Feijóo  nin sequera dedicou un minuto sobre un  asunto de tanta gravidade. 55 mulleres foron asasinadas na Galiza do que vai de século e  as denuncias superan con creces as 50.000.

“Tendemos a man para que haxa na Galiza un grande Pacto contra a violencia de xénero”. Pero os pactos, explicou  Ana Pontón  precisan medidas reais e recursos para ser útiles. Quero pedirlle menos plans fantasmas e máis compromiso real cos dereitos das mulleres. Asuma o compromiso de que calquera muller que decida ou teña que realizar un aborto o  fará nas mellores condicións na sanidade pública galega  e non en clínicas privadas a 500 Qm de distancia.

Respecto e apoio á Lingua galega  

A nosa lingua é o que máis  une a todas as galegas e galegos. É unha herdanza que temos que coidar e transmitir ás xeracións que veñen despois de nós. O galego é útil porque é a nosa lingua. Pero tamén nos facilita a aprendizaxe doutros idiomas e comunícanos co mundo da lusofonía. Aínda que non fóra así, sería igualmente útil. Que lle pregunten se non aos daneses se renegan do danés por só falarse en Dinamarca.

A única lingua que está en perigo na Galiza, afirmou a portavoz do BNG, é o galego e  as únicas persoas discriminadas polo uso dunha lingua son as galegofalantes. “Ten vostede a oportunidade de rectificar o seu erro de atacar ao galego por un miserento puñado de votos. Abra unha nova etapa para a lingua galega de respecto e de normalidade”.

Sr. Feijoo, rectificar é de sabios, non lle roube aos nosos nenos e nenas o “ dereito a xogar, soñar e amar en galego”.

A portavoz do BNG no Parlamento galego rematou a súa intervención cun desexo,  que “a vida das galegas e dos galegos non  se converta no día da marmota”. As  maiorías do PP “nin trouxeron a felicidade, nin nos rouban un só ápice das ganas e da ilusión por cambiar as cousas”. Somos inconformistas e rebelámonos a deixar en herdanza un país precario, con emigración, uns servizos públicos privatizados e sen identidade. “A súa maioría nin nos dá medo nin nos asusta, danos máis azos para loitar cada día por esa Galiza Ceive, nun mundo de iguais en paz”, reiterou a nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG