Ana Pontón: “Se Feijóo autoriza a venda das centrais do Xallas liquida 284 empregos na Costa da Morte”

IMG-20170310-WA0008
Ana Pontón na manifestación de Cee
  • O BNG participa na manifestación convocada en contra da segregación porque suporía o peche das plantas de Ferroatlántica en CEE e Dumbría

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación convocada polos traballadores e traballadoras das plantas de Ferroatlántica en CEE e Dumbría en apoio do emprego que esta industria ten na Costa da Morte, -284 postos directos-, e en contra da segregación da explotación eléctrica e industrial que pretende a empresa para vender as centrais do Xallas, unha pretensión xa anunciada aos mercados internacionais pese que, a día de hoxe, é ilegal.

Pontón anunciou que o Bloque vai facer todo o posible para garantir o futuro do emprego na Costa da Morte, por iso insta a Feijóo a manter a “unidade política” en contra da segregación.

“Sen as centrais as plantas de CEE e Dumbría teñen os días contados, pechan porque non son viables. Precisamente porque isto é un feito incuestionable, Galiza leva 60 anos regalándolle toneladas e toneladas de electricidade a Ferroatlántica a través da concesión das centrais”, indicou Pontón.

Por iso, a portavoz do Bloque advirte ao presidente da Xunta que “se cede á chantaxe de Villar Mir e permite a venda das centrais estará asinando a acta de defunción de 284 postos de traballo na Costa da Morte, e permitindo de paso o espolio dun recurso público, -as centrais do Xallas-, para que Ferroatlántica faga unha caixa estimada de 255 M€ Que adicará na súa maior parte a amortizar débeda do grupo”.

Pontón advertiu a Feijóo contra unha segunda chantaxe por parte de Villar Mir: A de vincular os supostos plans de investimento por 42 millóns de euros na planta coruñesa de Sabon á venda das centrais. Dese anunciado investimento, Ferroatlántica xa recibiu un crédito a baixo interese do Goberno central por valor de 25M€.

“Sería un despropósito e unha estafa a todos os galegos e galegas que se lle regale a esta multinacional 255M€ para un suposto investimento de 42, dos que máis da metade xa teñen subvención pública, ademais da ousadía da empresa ao ameazar con suspender ese investimento senón se lle permite espoliar os recursos públicos de Galiza”, alegou a portavoz nacional.

Por iso, Pontón instou a Feijóo “a manter unha posición de país e deixarlle claro a Ferroatlántica que as centrais nin se segregan, nin se venden, porque delas dependen o futuro industrial da Costa da Morte”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG