Ana Pontón esixe a Feijóo respecto para Galiza ante o veto á AP-9

Atribúe ao xefe do Executivo un “suspenso como unha catedral” no balance de curso político pola estratexia de submisión a Rajoy “que deixa Galiza atrás” mentres outros territorios reciben “unha choiva de millóns”

Último pleno ordinario do actual período de sesións que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou para facer balance do curso político do presidente da Xunta quen, cualificou, presenta un expediente que merece “un suspenso como unha catedral” tras oito anos aplicando “o mesmo método de estudo fracasado, que non é outro que a submisión a Rajoy, custe o que custe, caia quen caia”.

O problema dese empeño “non é que vostede suspenda, senón que Galiza queda atrás obrigándolle a repetir ano tras ano as mesmas materias”, -indicou Pontón-, entre elas a transferencia da AP9, cuxo segundo veto a lei remitida polo Parlamento galego ao Congreso está en mans da presidenta da Cámara baixa, a deputada popular electa por Pontevedra, Ana Pastor.

“Anuncian unha subida das peaxes, empezan as retencións quilométricas pero cero sancións para AUDASA e agora o segundo veto vergoñento do Goberno central á transferencia,  que si ten 4.000 millóns para rescatar as radiais madrileñas, ou o que faga falta”, alegou Pontón.

“Fronte a este novo agravio vai seguir co método da submisión a Rajoy ou,  por citar o seu slogan electoral, exercerá como militante de Galiza?”, interpelou para recomendarlle un cambio de método: “Deixe a submisión e exerza como presidente de Galiza, levante o teléfono e lémbrelle a Ana Pastor que é deputada por Pontevedra e que sería indecente que  traizoara os intereses de quen a elixiron, vostede incluído”

Tridente De la Serna, Pastor, Rajoy

Pontón pediu a Feijóo “que non se equivoque de inimigo”  porque ten no BNG a un aliado para conseguir unha AP9 galega e libre da estafa das peaxes, por contra, “o inimigo teno dentro da súa casa, un séntase no ministerio de Fomento, outra na Presidencia do Congreso e outro na Presidencia do Estado”. “Está disposto a enfrontarse a este tridente? Porque do contrario teremos que pensar que neste tema vai vostede de farol e está facendo o paripé e, neste tema,  roza vostede o rídiculo”.

AP9 non foi a única materia na que, a que a xuízo da portavoz nacionalista, o xefe do Executivo colleita un suspenso e fai que non ten gañadas as vacacións.  

Facendo balance do curso político lembrou que, “un ano máis” Galiza perde 3.500M€ porque Feijóo “non negocia un sistema de financiamento xusto, un ano máis novos retrasos no AVE, que noutros territorios teñen desde hai décadas, un ano máis o Estado discrimina a Galiza cun recortazo de 442 M€, mentres outros conseguiron unha choiva de millóns”.

Nesa enumeración de grandes asuntos nos que Galiza perde pola submisión do xefe do Executivo a Madrid, Pontón incluíu a última estafa bancaria que terminou de finiquitar o sistema financeiro galego deixando a miles de persoas estafadas, e o feito de que “a corrupción do PP, pode levarse por diante 300 empregos na Costa da Morte se vostede cede á chantaxe de Villar Mir”.

“Exerza como presidente e faga respectar a dignidade desta Cámara e deste país señor Feijóo”, concluíu, tras denunciar que está deixando unha Galiza “na que a xente moza  só ten como opcións a precariedade ou a emigración, na que xente maior ten as segundas pensións máis baixas do Estado, onde se pechan colexios públicos mentres blindan máis recursos para o ensino privado ou no que se pretende facer negocio co transporte público”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG