Ana Pontón: “As eleccións galas libran a Francia da ultradereita, pero non das políticas da Troika”

O BNG considera que os resultados das eleccións galas son un “mal menor” porque, se ben é certo que frearon o triunfo da ultradereita, manteñen as políticas antisociais da Troika que representa Emmanuel Macron. “É o candidato da banca”, describiu a portavoz nacional, Ana Pontón.

“Macron encarna o neoliberalismo de facultade, un candidato de laboratorio que gobernará ao ditado das grandes corporacións europeas, do capital financeiro e que sae a socorrer un modelo de Europa que fai augas por todas parte. Francia líbrase da extrema dereita, pero non das políticas socias e económicas da dereita”, indicou a dirixente do Bloque.

O BNG pon de relevo o auxe da extrema dereita, porque Marine Le Pen “sae derrotada pero non vencida” ademais de considerar que unha parte importante do resultado das eleccións francesas ten que ver coa decepción provocada por un Fraçois Hollande “que acabou facendo o contrario do que prometera”. “A esquerda europea e a socialdemocracia abrazaron o programa neoliberal, e isto está a reforzar á dereita”, alegou Pontón.

Para o Bloque, é evidente que cada vez hai máis persoas que cuestionan o actual modelo de construción europea, que ampara ao gran capital en contra dos dereitos das maiorías sociais, un modelo que supuxo importantes reconversións industriais e esnaquizar sectores produtivos. “Os resultados dos comicios galos non son unha boa nova para as clases traballadoras que van seguir a soportar as políticas que impón a Troika”, indicou.

Por contra, desde Galiza o BNG aposta por outra Europa, que non só é posíbel senón que é imprescindíbel: a Europa dos pobos, da xustiza social, da paz e da solidariedade internacional”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG