Ana Pontón destaca o dinamismo económico e cultural dos gobernos locais do BNG de Verín e A Mezquita

Encontro coa militancia e simpatizantes na comarca de Monterrei, onde tamén se reuniu coa asociación de empresarios e hostaleiros

Destaca a importancia do Festival internacional de curtas “que coloca a Verín no mapa audiovisual dentro e fora de Galiza”

Ana Pontón destaca o dinamismo económico e cultural dos gobernos locais do BNG de Verín e A Mezquita

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita aos concellos de Verín e A Mezquita onde mantivo encontros cos grupos municipais que lideran o tenente de alcalde Diego Lourenzo e o alcalde Rafael Pérez, respectivamente, e coñeceu de primeira man as principais iniciativas desenvolvidas desde o Bloque neste dous concellos, dos que a dirixente nacionalista destacou “o dinamismo económico, social e cultural” que aportou a acción de goberno do BNG.

“Verín, A Mezquita ou Viana do Bolo son exemplos de concellos nesta comarca de Monterrei no que se percibe a chegada do BNG, que goberna con eficacia, solvencia e con transparencia, sempre a favor do conxunto da veciñanza”, salientou Pontón, quen puxo como exemplos dese dinamismo  “as actuacións de apoio á economía local, que inclúe as Pemes, comercio de proximidade e sector da hostalería, e tamén na intensa labor cultural que fai que un concello como Verín teña unha programación de ocio e cultura continuada e similar a doutros concellos de maior tamaño e orzamento”.

Son concellos nos que a man do BNG se percibe tamén no social, subliñou, “porque é clave darlle servizos de calidade á veciñanza destes municipios, que teñen os mesmos dereitos que os que viven nas cidades, e iso é algo que se percibe nas prioridades dos gobernos do Bloque nestes concellos”.

A dirixente nacionalista xunto coa deputada por Ourense Noa Presas aproveitou a visita institucional a Verín para manter un encontro coas organizacións de empresarios (AEVER) cos que abordou a necesidade de dotarse de solo empresarial de calidade, apostando polo desenvolvemento do proxecto de Tamagos, así como mellorar os accesos ao actual parque empresarial de Pazos. Igualmente, mantivo un encontro co colectivo dos hostaleiros da localidade (AECHON).

Outro dos aspectos desta visita da portavoz nacional foi o encontro coa militancia e simpatizantes de Monterrei cos que compartiu un xantar, onde salientou a “vitalidade” da organización nesta comarca coa incorporación de xente moza, o que tamén se plasma nos cargos de responsabilidade política.

Pontón pechou a visita á comarca asistindo á inauguración da segunda edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, no que se poderá ver traballos fílmicos de máis dunha vintena de países, “unha mostra do dinamismo cultural que aporta o BNG desde a súa responsabilidade de goberno, un evento que xa logrou colocar a Verín no mapa do audiovisual galego e internacional”, concluíu.