Ana Pontón denuncia o recorte na loita contra lumes nos Orzamentos de 2018 e pide a comparecencia Feijoo

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide responsabilidades aínda que o problema de fondo non se soluciona con dimisións senón cun cambio radical dunha política forestal pirómana

Tilda de temerarios os recortes orzamentarios en prevención, valorización do rural e para emerxencias e protección civil

O BNG presenta unha emenda de devolución aos orzamentos de 2018 porque son rutineiros, carecen dun modelo económico que permita xeral emprego e os servizos públicos básicos seguen lastrados polos recortes de nove anos de Goberno do PP. Pero tras tráxica vaga de lumes, a portavoz nacional, Ana Pontón, centrou as críticas do BNG no recortes en prevención e valorización do rural.

“A Xunta no só ignora a vaga de lumes nos orzamentos, senón que mesmo prevé recortes en prevención de incendios, conxela os recursos de colaboración cos concellos e entidades privadas, recorta en 2,8M€ a partida de posta en valor do medio rural e cae en 1,47M€ os recursos para emerxencias e protección civil”, denunciou a dirixente do Bloque.

Neste contexto, Pontón urxiu a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento, -“ten que deixar de agocharche tras un relato ficticio e dar a cara dunha vez”-, así como a creación dunha comisión de estudo que analice a xestión da vaga de lumes para detectar e corrixir erros, esixir responsabilidades e arrancar o debate para un cambio de rumbo na política forestal dos últimos trinta anos. “Sen vetos, coa participación aberta a todos os colectivos implicados”, demandou a portavoz parlamentaria.

Pontón considera que deben asumirse responsabilidades políticas na xestión dunha crise na que o propio Feijóo admitiu estivo doce horas fora de control, na que a Xunta “fracasou en bloque” tanto a Consellería de Medio Rural, Vicepresidencia co colapso dos servizos de urxencia xestionados, como Medio Ambiente con milleiros de has de parques naturais queimadas. Pero, subliñou, o problema de fondo non se soluciona con dimisións.

“Ten que dimitir a prepotencia, a mentira e ten que dimitir unha política fracasada e pirómana ao servizo de ENCE”, sintetizou a dirixente do Bloque quen advirte a Feijóo que non se pode avanzar na solución “desde a mentira e construíndo un relato” que Fiscalía e a investigación policial están desmentindo. A vaga de lumes que asolou Galiza foi, segundo moitas voces expertas, a punta do iceberg do que pode pasar “como demostra o terrible exemplo de Portugal, ante un cambio climático e unha nova tipoloxía de lumes que supón un risco para o territorio pero tamén para a vida das persoas. Por iso,  instalarse na mentira, como fai Feijóo é unha temeridade”.

A portavoz do Bloque tamén lle afeou ao presidente da Xunta que siga cunha axenda política na que presentar a paleta de cores da rehabilitación ten prioridade sobre estar ao lado das persoas e concellos afectados: “Preguntámoslle de que cor pensa que hai que pintar os 137 concellos afectados polos lumes?”, reprochou, tras avanzar que o BNG presentará alternativas a uns orzamentos que ralentizan o crecemento do PIB, que presentan unha redución da de paro grazas a perda de poboación activa, síntoma evidente dunha economía galega “con pés de barro”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG