Ana Pontón defende no Parlamento un concerto económico cunha fiscalidade xusta adaptada á realidade galega

A proposta dun novo modelo de financiamento para Galiza foi rexeitada cos votos de PP e PSdeG-PSOE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón propuxo a todas forzas políticas galegas “un grande acordo de país” para superar o actual modelo de financiamento co que Galiza sae perdendo e apostar  por un concerto económico cunha fiscalidade xusta e acorde á realidade galega.

Pontón lamentou que PP e PSOE impediran a toma en consideración dunha  proposta “seria, ambiciosa e beneficiosa para o noso país” e que nos permitiría, afirmou, romper cun   modelo “inxusto e centralista” que resulta un “ pésimo negocio  para Galiza”. A nacionalista  reprochou aos  socialistas “ir de ganchete do Partido popular”  nun debate  sobre un  novo modelo que beneficiaría  a Galiza no seu financiamento.

PROPOSTA NECESARIA E OPORTUNA

O concerto económico que propomos, explicou a portavoz do BNG, trata de cambiar un modelo centralista por un modelo que confíe nas potencialidades de Galiza. Aposta  por autorresponsabilizarnos do noso futuro. “Trátase de quitarlle a chave dos cartos de Galiza ao Sr. Montoro, e devolverlle esa chave aos galegos e as galegas”.

A nosa proposta  é oportuna e dotaríanos de  mellores ferramentas contra  os  parches dun modelo centralista que non garante un financiamento adecuado da nosa sanidade, educación ou lei da dependencia porque o problema, dixo,  non é que a sociedade galega non xere recursos suficientes para  manter os seus servizos públicos. O problema é “un reparto desigual e unha fiscalidade regresiva e inxusta”.

A resultante é un modelo en vigor totalmente irracional, xa que o Estado, que ten competencias que non son as prioritarias para a cidadanía, como o Exército, a burocracia do Estado, a Casa Real ou as infraestruturas xerais, controla a política fiscal.

Cómpre darlle a volta para ligar a competencia fiscal, a recadación e política tributaria, a través dunha facenda galega, con quen exerce as políticas sociais, e superar a situación na que  Madrid  controla os nosos impostos para asegurar as políticas que interesan a Bruxelas e ás elites económicas e políticas radicadas na capital.

“O actual modelo de financiamento recorta en sanidade pero regálalle á banca máis de 40.000 M€, aumenta as peaxes da AP-9  pero rescata as radiais madrileñas, recorta en Educación pero aumenta o gasto militar en 7.000 M€”. A cuestión  non reside, polo tanto,  nos recursos que xeramos, o problema é como se distribúen.

SUFICIENCIA FINANCEIRA  PARA GALIZA

O concerto económico proposto polo BNG entronca  coa posición defendida por   Alfredo Brañas, as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista, con Alexandre Bóveda á cabeza. “Un concerto como sistema de financiamento  dunha Galiza digna”, enfatizou a portavoz nacionalista.

Se  queremos   ter autonomía,  verdadeiro autogoberno, con suficiencia financeira, non cabe outra alternativa que o concerto, pois só así se cobran todos os impostos en  Galiza polo Goberno galego , posibilitando a suficiencia financeira necesaria para cubrir os gastos nos servizos básicos fundamentais: sanidade, educación e protección social e promover  o desenvolvemento económico,  social e cultural que o país necesita, sen condicionantes nin restricións graves. O concerto é unha alternativa  que garante que todos os ingresos pola carga tributaria que soportan os galegos e galegas  sexan  de xestión do Goberno de Galiza, acordando  unha cantidade ou achega a pagar ao Estado polas funcións  que sega a desempeñar na Galiza, como produto da súas competencias exclusivas, que polo tanto non se transfiren a Galiza nin a ningunha outra CC.AA.

O sistema actual e calquera modificación das súas variábeis, reiterou,  seguen a  liña de manter a idea de que  Galiza vive grazas á solidariedade do Estado, no canto de comprobar de que vivimos do noso propio esforzo, sendo o Estado un produto financeiro dos que  soportamos.  Coas cifras oficiais de 2014  podemos comprobar como a carga fiscal real mínima que soportaron os galegos foron 11.131 millóns de euros, mentres que para financiar o conxunto de competencias, o sistema achega 7.043 M€ reais.  “Entre os 7.043 millóns e os 11.131 hai 4.088 M€ de diferenza.  Aínda  quedarían 3.458 M€ de diferenza entre o sistema de concerto e o sistema vixente”. É  evidente que o actual modelo de financiamento é insuficiente e inxusto e o  modelo que asinou Feijóo no  2009 é un mal negocio para Galiza que empeorou a situación que tiñamos con anterioridade.

Neste sentido, lembrou que ao longo dos anos Galiza experimentou un importante déficit na prestación de servizos públicos e o goberno galego segue sen reaccionar, “non formula ningunha proposta” e limítase a delegar  todo nun “experto” que non vai decidir nada e que nin tan sequera presenta unha alegación ante un informe que é un punto de partida inaceptábel.

Ana Pontón botou man dunha  intervención de Núñez Feijóo no ano 2016 no Círculo de Economía de Barcelona na  que amosaba unha postura aberta a discutir o contido do concerto económico para Catalunya polo que preguntou ao presidente da Xunta porqué non para Galiza?. “Convidamos a Feijóo a facelo abertamente”.

Os votos en contra dos grupos do PP e socialista impediron  a toma en consideración da  proposición de lei do BNG que propuña un  novo modelo de financiamento para  Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG