Ana Pontón: “Se a decisión se tomara na Galiza, os terreos do porto serían patrimonio da Coruña”

Presentación das Bases Democráticas na Coruña
Presentación das Bases Democráticas na Coruña

Presentou na cidade da Coruña o documento Bases democráticas, proposta do BNG para superar o corsé da Constitución e do Estatuto

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que “se a decisión se tomara en Galiza, os terreos do Porto serían patrimonio de todos os coruñeses e coruñesas”.

Nun acto aberto ao público celebrado no Circulo de Artesáns da cidade herculina, Pontón asegurou que  “o  porto exterior da Coruña ten que ser financiado polo Estado como se fixo no caso de Xixón, e os terreos que agora ocupan instalacións portuarias deben quedar a salvo da especulación e ser cedidos ao concello da Coruña para beneficio de toda a cidade, como  en Valencia e  Barcelona”. A nacionalista avanzou que o  BNG reclamará no Parlamento galego que “ os terreos non se vendan e formen parte do patrimonio de todos os coruñeses e coruñesas e sexa a cidadanía a que decida o seu futuro”.

Neste sentido, engadiu que o  obxectivo do BNG  é acadar un posicionamento unánime na Cámara galega  para que os terreos de San Diego, xunto cos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo pasen ao concello, o mesmo que os terreos da Solana e do Hotel Finisterre, e que o porto exterior se conclúa con cargo a financiamento estatal. “Do contrario, sería unha nova discriminación do Estado con Galiza e A Coruña”, afirmou.

Lois Diéguez e Ana PontónBASES DEMOCRÁTICAS PARA EMPODERAR GALIZA

Na presentación  da proposta do Bloque expresada nas Bases Democráticas, Pontón recalcou que este documento   pretende ser un punto de partida para o debate entre as forzas políticas, axentes económicos, sociais e culturais para  evitar que Galiza perda posicións, “dando un paso adiante desde o recoñecemento de Galiza como nación”, nun momento no que se producirán grandes  cambios a nivel de Estado.

Galiza, insistiu Pontón , “non pode quedar atrás ante o novo escenario que se abre para mudar o actual marco institucional” e salientou entre as vantaxes dun novo status para a nación galega: un novo sistema financeiro, capacidade fiscal, concerto económico, infraestruturas como a AP9 e  aeroportos, sector enerxético, ou a política forestal. “Ter e exercer o autogoberno implicaría ter as ferramentas para mellorar as condicións de vida de todos e todas as  galegas”, remarcou.

O actual Estatuto e a Constitución non permitiron que Galiza puidera desenvolver todo o noso potencial e hai problemas estruturais que seguen estando presentes e mesmo foron agudizados nestes anos de crise á que sumou a  “recentralización política impulsada polo Partido popular e partido socialista,  unha receita letal para o noso país, para a nosa economía, a nosa lingua e a nosa  cultura”. Pontón  insistiu na necesidade de dar un “xiro ao poder político galego” porque de non ser así, advertiu,  veremos como Galiza sae “moi mal parada” do novo escenario político que se está a abrir.

O acto presentado polo escritor Lois Diéguez contou cunha nutrida representación de militantes e simpatizantes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG