Ana Pontón dará voz á Galiza real no debate do estado da nación fronte a un Feijóo “encapsulado” en Montepío

“Deixa un regueiro de incumprimentos e de evidencias da súa falta de peso político para defender os intereses do país”, critica

O BNG utilizará o debate sobre o Estado da nación para facer balanzo dos oito anos de Goberno de Feijóo e denunciar ante o presidente da Xunta que, “o seu triunfalismo está fora de lugar”.

“Os galegos e as galegas non estamos aquí para facerlle a ola, porque leva oito anos de desgoberno, oito anos de submisión de Rajoy, oito anos de recortes e de privatizacións, pero foi incapaz de defender as cuestións importantes para mellorar a vida da xente deste país”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Para a dirixente do Bloque, “o síntoma de Monte Pío que afectaba ao presidente galego agudizouse no último ano”.

“Non recoñece os problemas e ignora as dificultades da maioría social con salarios de miseria, con miles de fogares que non van poder prender a calefacción este inverno,   que soportan listas de espera para ser operados, ignora ás miles de persoas dependentes que non reciben prestacións ou a mocidade obrigada a emigrar”, enumerou.

Ante estes problemas estruturais “non se poden aplicar as mesmas receitas fracasadas” que deixan unha Galiza “instalada na precariedade, e nun modelo low-cost”, criticou Pontón, ao tempo que amosaba a súa perplexidade pola capacidade do xefe do Executivo “para gabarse da súa xestión cando deixa un regueiro de incumprimentos e de evidencias da súa falta de peso político para defender os intereses do país”.

Neste sentido, lembra que o último ano foi o do recortazo de 440 millóns de euros dos investimentos do Estado en Galiza, o ano de novos retrasos na chegada do AVE, do veto “vergoñento” a AP9, “que demostra como funciona a democracia no Estado español ignorando leis do Parlamento para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

“Estamos ante un Goberno que segue unha liña continuista, onde a lingua propia perde falantes cada día, nunha Galiza máis precaria, onde á maioría social ve como a crise segue instalada nas súas vidas e ten a sensación de que esta crise é unha estación de destino”, argumentou Pontón. 

“Queremos que esa Galiza real sexa a protagonista deste debate ante un Feijóo cada día máis encapsulado en Monte Pío e máis desconectado dunha realidade social que é moi dura e moi difícil para moitas persoas neste país”, avanzou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG