Ana Pontón culpa a Feijóo de paralizar a Comisión das Caixas para ocultar a verdade

Ana Pontón
Ana Pontón
Ana Pontón culpa a Feijóo de paralizar a Comisión das Caixas para ocultar a verdade
  • A indemnización de 28 M€ a Méndez e a venda de saldo de Geriatros participada polas entidades, novos puntos que o BNG quere investigar 
  • “O PP quere enterrar ese morto porque sabe que é responsable do maior desfalco deste país”, denuncia

O BNG denuncia que, sesenta días despois da súa constitución, a Comisión de investigación das caixas permanece paralizada tras unha única reunión de apenas cinco minutos, que proba o empeño do PP en agochar a súa responsabilidade na desaparición do sistema financeiro galego.

A portavoz nacional, Ana Pontón, culpou directamente a Feijóo deste veto, pide a reactivación inmediata da comisión e anunciou a presentación dunha queixa formal ante a Mesa, como máximo órgano de dirección da Cámara, e ante a presidencia da propia comisión de investigación.

“Se o PP quere enterrar ese morto e porque sabe que algo cheira moi mal en todo o proceso, porque ten claro que é responsable da desaparición das caixas de aforro. Senón tivese nada que ocultar sería o primeiro interesado en investigar”, alegou a deputada, que ve na paralización premeditada da comisión a pretensión “de eludir a responsabilidade directa de Feijóo” e un claro empeño “en que nunca se saiba a verdade no maior desfalco en Galiza”.

Pontón deixou claro que o BNG quere chegar ata o final e, por iso, pedirá novas comparecencias e novas solicitudes de documentación ao entender que hai moitos puntos sen investigar ademais da venda apresurada e de saldo de NovaGalicia Banco. Por exemplo, os termos da indemnización de 18M€ concedida ao ex director de Caixa Galicia, José Luís Méndez. “Queremos coñecer a acta do consello de administración que deu luz verde a esta indemnización”, subliñou a dirixente nacionalista.

Igualmente, fixo referencia ao opaco proceso de venda dos activos das caixas, citando o caso concreto de Geriatros. Así, lembrou a participación do 45% que a Xunta tiña en Sogarseso (Sociedade Galega de Servizos Sociais), -adicada á xestión de residencias da terceira idade promovidas pola administración pública-,  que foi vendida á empresa Geriatros (100% CaixaNova) tras a chegada de Feijóo ao Goberno.

A portavoz nacional do BNG chama atención sobre o feito de que unha auditoría auspiciada polo ex banqueiro Angel Corcóstegui recomenda a venda dos activos das caixas fusionadas que, no caso concreto de Geriatros, é adquirida por 45M€ polo fondo de investimento Magnum Capital, propiedade do propio Corcóstegui, que vendeu tres anos despois por 300M€.

O Bloque considera que debe investigarse tamén esta unha venda de saldo dun ben das caixas, -que ademais xestiona residencias da terceira idade en Galiza moitas construídas e postos en marcha con cartos públicos-, que xerou enormes plusvalías a un fondo de investimento no proceso de liquidación das caixas galegas.

Pontón tamén avanzou que vai pedir que se aporte nova documentación á comisión de investigación, como a carta remitida por Feijóo ao Banco de España sobre as indemnización ilegais dos ex directivos, “das que é responsable directo”, a auditoría de KPMG, ou a documentación do FROB sobre operacións de dubidosa legalidade realizadas polas antigas caixas.

Zonas escuras

Igualmente, o BNG pedirá novas comparecencias, empezando pola do presidente da Xunta, a da ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, a do ex gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordoñez, e outras como a de Joaquín Almunia, comisario de Economía da UE durante o proceso, José María Castellanos, José Luís Méndez ou o ministro de Economía, Luís de Guindos, entre outros.

A portavoz nacional insistiu en que o Bloque non vai aceptar que o PP impoña unha comisión “atada de pés e mans, e temos datos e argumentos novos para solicitar esas comparecencias”, explicou. Por tanto, “é úrxente que a comisión funcione e o faga sen vetos porque hai demasiadas zonas escuras e como país temos dereito a saber toda a verdade e todas as responsabilidades que apuntan directamente a Feijóo”. “Ninguén pode estar por riba do Parlamento, concluíu.