Novo Goberno Central

Ana Pontón cualifica de “continuísta” o novo goberno de Rajoy

Ana Pontón
Ana Pontón
  • Para a portavoz do BNG no Parlamento galego  estamos ante un goberno   “máis pepero e marianista” que seguirá no camiño dos recortes sociais , na recentralización e no recorte das liberdades públicas

Trala xunta de portavoces para elaborar a orde do día do vindeiro pleno de investidura de Alberto Núñez Feijóo, a portavoz do BNG, Ana Pontón valorou o novo goberno de Mariano Rajoy do que dixo, é “máis pepero e máis marianista”  e seguirá na senda dos recortes sociais, da recentralización e do recorte das liberdades. Para a deputada nacionalista estamos ante un “goberno continuísta” que ademais evidencia “a falta de peso político de Feijóo en Madrid”.

A nós, dixo, non nos preocupa a ausencia de ministros ou ministras galegas, o BNG está preocupado pola estratexia do presidente da Xunta que condena a Galiza “á irrelevancia política”. Tómanos o pelo con leis aprobadas no Parlamento que logo son rexeitas no Congreso,  ou cando nos prometen o remate das obras do ferrocarril no ano 2018 cando existía un compromiso para o ano 2012. “Feijóo fai un paripé e é cómplice desa discriminación”.

Feijóo prégase ás políticas de Mariano Rajoy

A submisión de Feijóo ao goberno de Rajoy, engadiu Pontón provoca que todos os galegos e galegas paguemos as peaxes máis altas de todo o Estado e teñamos peores servizos. A maioría absoluta de Feijóo, lembrou  non  mudou a vida das persoas que seguen agardando pola lei de dependencia, ou da  xente que debe pagar todos os días as peaxes para ir a traballar. A min, dixo, como portavoz do BNG “non me importa se Feijóo está máis contento co novo goberno do Estado, o que realmente me preocupa é que as súas aspiracións persoais fan que Galiza cada vez teña menos peso político e nos sega tomando o pelo.

O BNG non ten vocación abstencionista e votará non a Feijoo

Ana Pontón deu conta da orde do día do debate de investidura que comezará o martes, 8 de novembro ás 9.30 hs e despois dunha suspensión de 48 horas reanudarase o xoves, 10 de novembro coas intervencións dos grupos parlamentares durante 35 minutos ás que Núñez Feijóo responderá de maneira global. Pola tarde será reiniciado o debate para que cada un dos grupos interveña durante 10 minutos e unha segunda intervención para rematar coa votación nominal na que cada un dos deputados e deputadas amosará a súa posición de voto. No BNG, dixo, “non temos vocación abstencionista”  polo que votaremos non a investidura de Feijóo.

Agardamos que no debate, Feijóo fuxa dos triunfalismos e recoñeza os seus fracasos porque hai catro anos comprometeuse a poñer fin a crise e onte mesmo coñecemos os datos alarmantes que confirman que Galiza está nunha peor posición  e destruíndo emprego mentres no resto do Estado crece.

Propostas do BNG no debate de investidura de Feijóo

A nacionalista anunciou algunhas das propostas necesarias   para facer fronte aos retos que se aveciñan e reclamou o recoñecemento de Galiza como nación con poder político para o que   precisamos, dixo, “capacidade fiscal plena que evite que 3.000M€ que pagamos os galegos e galegas en impostos  reverten no noso país e non sexan distribuídos polo Estado en non sabemos que”. Ademais, no debate de investidura o BNG pedirá “blindar os dereitos sociais, a sanidade, a educación e aplicar a lei dependencia”. Finalmente referiuse a un novo modelo  económico para a  creación de  emprego de calidade   e destinar o 2,5% do PIB para  innovación e desenvolvemento, un modelo de mobilidade para poñer fin a “estafa das peaxes da AP-9”, e constituír as comisións de investigación das caixas de aforros e do accidente de Angrois.

A deputada reclamará máis recursos para loitar contra a violencia de xénero a través dun acordo parlamentario e poñer en marcha un plan de rescate dos servizos públicos cunha renda de integración social contra a pobreza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG