Ana Pontón “A chulería de Feijóo vai enquistar o conflito do transporte”

DSC_0263
Ana Pontón

Pide o cese da conselleira e pregúntase que “intereses ocultos” agocha o xefe de Executivo aprobando hoxe un plan “indo contra todo o mundo”

O BNG propón a retirada do proxecto par abrir a negociación con todos os sectores que evite o deterioro do servizo e a perda de emprego

A portavoz nacional, Ana Pontón, dirixiuse a Feijóo para dicirlle que o problema do transporte público, que afecta a milleiros de usuarios e usuarias en todo o país, “non se soluciona nin con soberbia, ni con prepotencia, nin co ordeno e mando do consello da Xunta, ao contrario, provocará un enquistamento e unha xudicialización dun problema creado por anos de decisións equivocadas do Goberno do PP”.

Ademais de abrir unha folga indefinida no sector, “veremos como esta fuxida cara adiante” aprobando un plan que ten un rexeitamento maioritario “van pagala os traballadores e traballadoras e o conxunto da cidadanía polo deterioro na prestación do servizo de transporte público escolar e de pasaxeiros, sobre todo no rural”, indicou.

Chegado a este punto, o BNG pide ao goberno “sensatez e diálogo” e a dimisión ou o cese da conselleira Ethel Vázquez, por ter demostrado que carece de capacidade de diálogo co sector. “Provocou un conflito maior pola vía de convocar reunións pola mañá que se desconvocan pola tarde”, como paso previo “ao golpe de man” de aprobar o plan no Consello da Xunta, criticou Pontón.

“Feijóo ten que deixar de agocharse tras a conselleira e dar a cara poñéndose á fronte da negociación para solucionar un conflito que el provocou”, indicou a dirixente do nacionalista, quen lle traslada ao xefe do Executivo que “un bo gobernante non é o que actúa con prepotencia e chulería, senón o que é capaz de dialogar e buscar solucións de consenso”.

Pontón pregúntase que se oculta detrás da decisión de aprobar un plan que ten en contra ás empresas, traballadores e forza políticas, “que intereses ocultos ten Feijóo tras a aprobación deste plan, indo contra todo o mundo, incluído a maioría social que pide melloras e non recortes neste servizo básico, que hai detrás de todo isto para seguir adiante cun plan que é unha auténtica chapuza e que vai destruír emprego, haberá intereses ocultos detrás desta decisión”, interpelaba.

O Bloque pide a retirada do plan e iniciar unha negociación honesta e rigorosa con todos os axentes implicados, porque nada obriga á Xunta a aprobar o plan hoxe, por contra, informes xurídicos indican que pode haber un prazo dun ano para dialogar con empresas, traballadores, concellos, comunidade educativa e Parlamento. Igualmente, propugna un estudo solvente das necesidades de mobilidade e ir a un plan integral que inclúa outras modalidades como o ferrocarril ou o transporte marítimo por ría.

Villar Mir ou Galiza

Pontón, que onte percorreu os 22 quilómetros da marcha cos e coas traballadoras de Ferroatlántica, fixo un novo chamamento a Feijóo en relación a este conflito provocado pola pasividade da Xunta ante a pretensión de venda das centrais dos ríos Xallas e Grande por parte de Villar Mir.

“A única chantaxe é a de Villar Mir a Feijóo, que presiona para consumar o espolio dun ben público no que un empresario madrileño imputado nun caso de presunto financiamento ilegal do PP, pretende facer caixa para sanear as débedas do seu grupo e despois deixar tirada a Costa da Morte, porque todo mundo sabe que a garantía de futuro para as plantas de CEE e Dumbría son a súa vinculación coas centrais”, argumentou a portavoz nacional.

Mobilización

A dirixente do Bloque confía que as mobilizacións, que culmina o sábado cunha manifestación en Santiago, serva para que a Xunta se posicione “do lado do emprego e da dignidade de Galiza”, ao tempo que  volveu transmitir o total apoio do Bloque aos traballadores e traballadoras na segunda etapa da marcha a Compostela, na que hoxe tamén participa o deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG