GALEGAS 2016

Ana Pontón chama á mocidade a ser a protagonista do tempo novo que o BNG quere abrir en Galiza o 25S

Acto público de Ferrol
Acto público de Ferrol
Ana Pontón chama á mocidade a ser a protagonista do tempo novo que o BNG quere abrir en Galiza o 25S
  • O BNG propón un Plan Retorna con 90M€ anuais para facilitar a volta da mocidade emigrada financiando a súa integración laboral
  • Ironiza sobre o desembarco de turistas políticos: “Todos os paracaidistas compórtanse igual, os vellos e os novos, veñen dicirnos o que temos que facer sen saber nada deste país”

Primeiro en Ourense nun acto con xente moza na emigración e despois no mitin central en Ferrol, a candidata á Presidencia, Ana Pontón centrou a xornada do ecuador da campaña en lanzar as principais medidas de goberno para facilitar a integración laboral e a emancipación da xuventude, á que convidou a ser a protagonista da Galiza post Feijóo.

“Queremos que a xente moza deste país, a que está dentro e á que tivo que coller as maletas, sexa protagonista do tempo novo que o BNG quere abrir a partir do 25S, porque o seu papel é fundamental para construír unha Galiza con futuro”, salientou, e a para iso hai que mudar de raíz a política de “paro, emigración e precariedade” que deixa o “desgoberno” da dereita.

Entre os obxectivos prioritarios do BNG, facilitar a volta das 100.000 persoas emigradas, a maioría menor de 35 anos, a través dunha das medidas estrela do programa, -Plan Retorna-, un plan plurianual dotado de 90 millóns de euros anuais, -o equivalente ao 1% do orzamento da Xunta-, con axudas directas ás empresas para a contratación de xente moza que aposte por volver ao país, con especial prioridade á recuperación de talento investigador.

“O primeiro e deter a sangría da emigración e dar un futuro laboral digno a xente moza, que merece máis que ter que elixir entre coller as maletas ou contratos lixos con salarios de miseria”, recalcou.

En todo caso, a candidata nacionalista instou á xente moza a “confiar nas propias forzas” o 25S ao tempo que ironizaba sobre o desembarco de “turistas políticos” ao longo desta campaña. “Todos e todas as paracaidistas fan o mesmo, sexan da vella ou da nova política, vir a Galiza a dicirnos o que temos que facer sen saber nada deste país”, criticou.

Primos de zumosol

A diferencia de quen precisa traerse extras de fora, o BNG “non necesita primos de zumosol, porque temos os nosos propios referentes políticos, que están aquí cada día, traballando por mellorar a vida dos galegos e das galegas, como Paco García, Evencio Ferreiro, Sandra González, Leticia Santos, Miguel Anxo F. Lores e tantas outras”, dixo, citando aos alcaldes e alcaldesas nacionalistas. “Co seu traballo, xa demostramos que o cambio real é posible en Galiza”, recalcou.

Feijóo, medo a debater co BNG

Pontón tamén fixo referencia á negativa de Feijóo acudir aos debates , despois de que hoxe mesmo estivese ausente do organizado pola Cadena Ser, e de ter vetado os debates da Sexta e de TVE.

“Esa fuxida é toda unha declaración de que lle da medo debater co BNG, sobre todo despois de que o pasado luns quedara en evidencia ante o proxecto político sólido, coherente que presentamos, fronte a un Feijóo esgotado, cercado polos casos de corrupción que afectan ao seu partido, e empeñado en seguir aplicando unhas políticas caducas”.

Por iso, a candidata instou a apostar polo BNG o 25S “e abrir un tempo novo desde nós”, concluíu.