Ana Pontón: "Cando cremos nas nosas posibilidades somos quen de pór a andar modelos únicos e avanzados"

ponte1
Xornadas sobre mobilidade e compostaxe organizadas en Pontevedra
  • O BNG celebrou na mañá de hoxe sábado unhas xornadas sobre mobilidade e compostaxe na cidade de Pontevedra

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou hoxe en Pontevedra que cando os galegos e galegas cren nas súas posibilidades "somos quen de pór en práctica modelos únicos e avanzados" tales como o 'modelo Pontevedra' de mobilidade e a compostaxe como sistema de xestión do lixo, que a día de hoxe son claves da marca BNG. Pontón realizou estas declaracións no marco das Xornadas Nacionais de Mobilidade e Compostaxe organizadas pola formación nacionalista ás que asistiron máis de un cento de representantes municipais e militantes do BNG de toda Galiza.

"Hai que ter moita confianza no noso pobo para botar a andar cun modelo único e avanzado, para crer que somos quen de levalo adiante. Outras forzas políticas, que consideran a Galiza incapaz de avanzar e facer algo de seu, como moito copiarían acriticamente algún modelo mal adaptado. Por iso estou certa de que só o BNG pode levar adiante un modelo como o de Pontevedra, ou como o de moitos outros concellos nos que o pobo nos deu a responsabilidade de gobernar", sinalou Pontón. En referencia á compostaxe, a portavoz sinalou que existe certo paralelismo co ámbito da mobilidade, xa que se aposta por un modelo para o tratamento e a xestión do lixo urbano baseado no coñecemento adaptado ás características propias de Galiza.

"Ámbolos dous modelos son xa recoñecidos, son claves da marca BNG, e demostran que son garantía de éxito alí onde gobernamos", subliñou.

En canto á celebración das xornadas, destinadas a representantes municipais do BNG de toda Galiza, Pontón sinalou a importancia de ofrecer "á nosa xente" información sobre eixos de goberno prioritarios a través de persoal técnico e responsábeis políticos “coa mellor preparación e formación" para que eses modelos recoñecidos poidan ser aplicados nas diferentes vilas e territorios sempre adaptándoos ás súas peculiaridades.

Pola súa banda, o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o traballo feito no concello de Pontevedra, facendo un percorrido e lembrando os diferentes obstáculos salvados dende o goberno local para acadar o que a día de hoxe é un modelo urbano recoñecido internacionalmente. Lores lembrou que o tratamento do espazo público é unha competencia exclusivamente municipal e subliñou que onde non hai competencias é desexable actuar, mais onde as hai é obrigatorio: "o noso obxectivo era devolver a cidade aos cidadáns. Por iso foi e segue a ser fundamental actuar en base ao coñecemento, pero tamén ter valentía política para facelo fronte aos atrancos".

ponte2Xornadas

Para abondar nas claves dos modelos de mobilidade e compostaxe aplicados en Pontevedra realizáronse diferentes relatorios e mesas de debate. Durante a mañá de hoxe a concelleira Carme da Silva explicou que o goberno local de Pontevedra considerou dende a súa toma de posesión en 1999 que o espazo público debía ser considerado e concebido como un servizo público. Así mesmo, subliñou que a calidade urbana plantexouse como unha esixencia e obxectivo principal, sempre desenvolvido cun proxecto coherente e con valentía política. 

"Nas dúcias e centos de sitios nos que demandan a nosa presenza para explicar o modelo Pontevedra, adoita haber quen nos fai a seguinte pregunta: Cré que outra forza política podería desenvolver un modelo como o que fixeron en Pontevedra? A resposta é sempre a mesma e rotunda. Non. O espirito revolucionario amósase con feitos, actuando con decisión sobre o que se ten capacidade e competencias. E deste espirito andan mais ben escasas as demais forzas política", indicou Da Silva.

Pola súa banda, César Mosquera argumentou os motivos polos que é axeitado aplicar a compostaxe como sistema de xestión de lixo na Galiza. Explicou que a compostaxe e o modelo Sogama baseado na incineración teñen unha base antagonista, mais son complementarios, e indicou que a principal vantaxe do tratamento do lixo orgánico mediante composteiros individuais e comunitarios -tal e como se fai no Plan Revitaliza da Deputación e no plan municipal Pontevedra composta- radica en evitar o transporte cara a un único lugar centralizado.

Mosquera tamén quixo deixar claro que o mantemento e coexistencia de varios sistemas de tratamento de lixo dificilmente pode supoñer un aforro ou un éxito de funcionamento, xa que os custes se duplican en moitos casos. "É preciso apostar, ter claras as vantaxes económicas e ambientais de facer o cambio", subliñou, ao tempo en que lembrou que a lexislación europea obriga, de cara ao 2020, a preparar para a reciclaxe o 50% do contido da bolsa do lixo, algo dificilmente asequible se non se trata a parte orgánica dos residuos, que supoñen aproximadamente  40% da mencionada bolsa. 

Para rematar a xornada, celebrada na Facultade de Enxeñería Forestal, os asistentes ás xornadas comprobaron in situ o funcionamento do centro de compostaxe comunitaria do campus de Pontevedra da man do mestre composteiro encargado da súa xestión. De feito, estaba previsto que asistisen ao traspaso do compost dende o primeiro módulo de tratamento -onde o lixo se descompón e pasa a primeira fase termófila- ao segundo módulo, onde comeza a maduración propiamente dita, que durará varias semanas ata chegar ao compost final.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG