Ana Pontón atribúe a Feijóo o “gran balanzo” de ter deixado Galiza sen sistema financeiro propio

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide á Xunta que se implique para garantir o emprego toda vez que miles de pequenos accionistas xa perderon os aforros nesta “morte anunciada”

O BNG acusa ao Goberno de ter a Galiza desaparecida do debate do modelo de financiamento autonómico

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou a súa total discrepancia coa valoración de “boa noticia” que o Goberno central fai da venda do Banco Popular ao Santander por un euro, que implica deixar sen aforros a 50.000 pequenos accionistas galegos, poñer en risco centos de postos de traballo e deixa no aire o futuro da Fundación Barrié.

“O gran balanzo dos nove anos de Goberno de Feijóo é ter deixado Galiza sen sistema financeiro propio, unha consecuencia máis de ter un Executivo desaparecido na defensa dos intereses deste país”, sentenciou Pontón na interpelación ao conselleiro de Facenda sobre o actual modelo de financiamento autonómico.

Pontón criticou que tivesen “fallado” os controis dos organismos de supervisión a respecto do Banco Popular agravando aínda máis o custe para os pequenos accionistas galegos aos que se lles “vendou” unha ampliación de capital dunha entidade que se revelou na ruína, e que agora deixa na incerteza o emprego nas oficinas que ata fai moi pouco tiñan o rótulo do Banco Pastor.

“En termos de músculo financeiro de Galiza a valoración é desoladora”, indicou a dirixente do Bloque, tras lembrar a desaparición das caixas de aforro previo rescate de 8.000M€, ata “este final da crónica dunha morte anunciada que fai desaparecer de xeito definitivo unha entidade histórica neste país como o Banco Pastor”.

Pontón insta ao Goberno de Feijóo a actuar para garantir o emprego e o futuro dunha fundación que ten feito un gran labor social e cultural.  “Non se poñan de perfil” como fan noutros temas de calado, incluíndo a negociación dun novo sistema de financiamento autonómico.

A portavoz nacionalista lembrou que foi Feijóo quen asinou en 2009 o modelo actual que fai perder a Galiza arredor de 3.500M€ anuais, ao tempo que pediu ao PP que deixe de escudarse en criterios técnicos.

“Rajoy deu unha lección maxistral de ata que punto se trata dun debate político na negociación dos orzamentos do Estado ao conceder a Euskadi moitos millóns adicionais para o cupo vasco”, ironizou. “Chegaron a un acordo político froito dunha negociación política”, espetou ao conselleiro de Facenda, a quen pediu “tomar nota e abandonar unha submisión que so fai perder oportunidades a Galiza”.

Autonomía plena

O BNG aposta por un concerto económico de “autonomía financeira e fiscal plena”, que parta do custe real da prestación de servizos e que, cos datos oficiais da última liquidación Estado-Galiza, aportaría financiamento adicional para blindar servizos públicos. Neste sentido, salientou que as prestacións básicas de sanidade, ensino e protección social “ tiveron no período 2009-2014 un déficit total de 10.044€”.

“Os galegos e as galegas pagamos máis de 11.000 M€ en impostos e o actual sistema retorna 7.000M€”, indicou Pontón, para exemplificar un modelo “inxusto que non garante un autogoberno real e que empeora cada ano”. Por iso, o Bloque demanda do Goberno da Xunta que deixe as “vaguidades” e poña sobre a mesa una alternativa que beneficie a este país.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG