Ana Pontón atribúe á falta de peso político de Feijóo o novo agravio con Galiza nos orzamentos do Estado

Ana Pontón
Ana Pontón
Ana Pontón atribúe á falta de peso político de Feijóo o novo agravio con Galiza nos orzamentos do Estado
  • Os Orzamentos do Estado  son regresivos no ámbito social, prevén os mesmos ingresos  que antes da crise económica pero manteñen os recortes, aumentan o gasto militar  e priorizan o pagamento da débeda, por riba do benestar dos cidadáns

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón censurou  os Orzamentos do Estado dos que dixo, “prevén os mesmos ingresos que no ano 2007, antes da crise económica, pero manteñen os recortes nas políticas sociais, aumentan os gasto militares e priorizan  o pagamento da débeda por riba do benestar dos cidadáns. Pontón atribuíu  o agravio a Galiza  “á falta de peso político de Feijóo”.

Parafraseando unha canción de Manu Chao afirmou que “Galiza está muda e desaparecida”. Esta falta de peso político, dixo provoca que Galiza teña un  recortazo de máis de 400 M€ e que non son produto da falta de recursos,  é unha decisión política, recalcou. Neste sentido, explicou que Rajoy aumenta en 7.000 millóns de euros o gasto militar, concede unha  “chuvia de millóns” para Euskadi e o  Corredor do Mediterráneo, ou para Canarias e mentres tanto  en Galiza, “ temos a cifra máis baixa de investimentos do século XXI”.

A portavoz do BNG responsabiliza a Núñez Feijóo e a súa “estratexia de submisión e servilismo a Rajoy”  que Galiza sexa discriminada e padeza o maior  recortazo  deste século e que “os interese de Galiza non pinten nada no Estado”. Se no Estado en troques de estar o PP, estivera outra forza política, Feijóo estaría botando as man a cabeza ante este novo “agravio ao noso país”. Feijóo, vendeulle a moto a todos os galegos e galegas durante a campaña electoral cando afirmaba “Galiza primeiro” e agora comprobamos que é certo pero, “colocando a Galiza primeiro pola cola”.

Ana Pontón apelou a un cambio de rumbo para situar  na axenda política a Galiza co obxecto de  mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas. “Urxe unha defensa firme de Galiza, inversións xustas do Estado, un modelo de concerto económico que nos permitiría contar con 3.500 M€ cada ano e unha tarifa eléctrica galega que nos compense por ser produtores”. Os vascos, explicou, aforrarán 50 M€ nas súas empresas graza a tarifa e nós que somos excendentarios en produción de enerxía eléctrica, “non temos ningún beneficio”.Pontón sumou a reivindicación dunha tarifa eléctrica galega, a modernización do ferrocarril, o saneamento das rías galegas e investimento en I+D+i para sacar a Galiza da “cola do Estado”.

O BNG ALERTA DE NOVOS COLAPSOS NA AP-9

A portavoz nacionalista  amosou as súas dúbidas ante a transferencia da AP-9 que achacou á  “falta de interese das forzas estatais”. Os atascos producidos estes meses, dixo, agudizaránse no verán polo que o BNG proporá na vindeira sesión plenaria catro medidas para que os galegos e galegas non teñamos que pagar peaxes por quedar atrapados durante horas dentro da AP-9: “Sancións polos atascos producidos nestes meses, a posta en marcha dun protocolo para abrir as barreiras cando se produzan colas de mínimo un Qm,  rebaixa das peaxes mentres continúan as obras de ampliación da autoestrada e recuperar os postos de traballo suprimidos durante os últimos anos”.