Ana Pontón anuncia un recurso ante o Constitucional polo veto a AP-9 e reta Feijóo a facer o mesmo

Pídelle que demostre que “non vai de farol” e que “deixe de ser unha rémora” para conseguir a transferencia e acabar coa estafa das peaxes

Para o PP vetar leis galegas é democrático pero poñer urnas para votar, antidemocrático. “Son uns trileiros da linguaxe”, critica

A portavoz nacional, Ana Pontón, retou ao presidente da Xunta a que, na súa condición de deputado, presente un recurso ante o Tribunal Constitucional contra o veto do Congreso ao debate da lei de transferencia da AP9. A dirixente do BNG considera que é o mínimo para defender a dignidade da Cámara e de Galiza.

“Ante o veto á transferencia da AP9 vai o deputado Feijóo presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional, si ou non? Podo dicirlle que eu si, e defender que Galiza ten dereito a acabar coa estafa das peaxes”, avanzou Pontón, quen tamén propuxo unha declaración de reprobación da Cámara contra Ana Pastor e Mariano Rajoy “porque para que te respecten hai que facerse respectar”.

“Temos que dicirlles con claridade que non aceptamos o seu desprezo, que non aceptamos que ninguneen a este Parlamento, que non aceptamos que impidan o debate das leis que aprobamos, porque non sei se para vostede iso é democracia, pero para min é anular as competencias de Galiza recoñecidas no cativo Estatuto. Fágase respectar porque a quen están ofendendo é a todos os galegos e galegas”.

Pontón recriminou a Feijóo que non aportase “nin unha soa liña á lei de transferencia da AP9”, redactada e impulsada polo BNG, e acusou ao xefe do Executivo de mentir. “Demostre que non vai de farol na transferencia da AP9 e deixe de ser unha rémora para poder acabar coa estafa das peaxes”, tras denunciar que o ministerio de Fomento segue transferindo infraestruturas a outros territorios mentres se lle negan a Galiza.

Un ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que aproveitou a súa última visita fai dous días “para repetirnos que se pasa polo forro as leis aprobadas por este Parlamento, para dicirnos na cara que as decisións dos galegos e das galegas lle importan literalmente un pito e por riba di que sobra diálogo. O que sobran son as peaxes coas que nos estafan cada día, e o que sobran e a súa prepotencia”, salientou a  portavoz nacionalista.

Pontón aproveitou a sesión de control ao presidente da Xunta para chamar a atención sobre a particular maneira do PP de entender a democracia.

“É sorprendente que se enchan a boca falando de democracia e despois impidan o debate da transferencia da AP9. Actúan como trileiros da linguaxe: Para vostedes democracia é impedir o debate, mentres que poñer urnas para que a xente vote é antidemocrático”, lamentou.

A dirixente do Bloque salientou que Galiza “merece un presidente que non minta, nin engane a quen sexa capaz de defender propostas que melloren a vida da xente que vivimos e traballamos aquí”, ao tempo que lamentou o uso que Feijóo fai coa confianza que lle concederon nas urnas. “Porque o que non queren os galegos  e as galegas é pagar a estafa das peaxes,  nin queren ver ao presidente subordinado ao PP e a Rajoy sen importarlle o que lle pase ao noso país”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG