Ana Pontón advirte a Feijóo que se cede á chantaxe de Villar Mir liquida 300 empregos na Costa da Morte

  • A única garantía de futuro son as centrais do Xallas, ante o terceiro intento do empresario de facer caixa. “Coller o diñeiro e liscar”, esa é a pretensión, alerta
  • Lembra que a comarca saíu á rúa fai un mes e pide ao presidente galego que manteña o acordo unánime do Parlamento contra a venda ou segregación

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que Feijóo ten unha oportunidade de demostrar que defende os intereses de Galiza nun tema vital para a comarca da Costa da Morte, “parándolle os pés ao intento de Villar Mir de vender ilegalmente as centrais do Xallas”.

 “Se cede á chantaxe do empresario estará asinando a acta de defunción de 300 empregos das plantas de Dumbría e CEE”, dixo ante o novo paso de Ferroatlántica para “facer caixa coas centrais para compensar investimentos ruinoso fora de Galiza”, indicou, tras lembrar que a comarca saíu masivamente á rúa fai apenas un mes en contra da venda e da segregación.

Feijóo debe “erguer o teléfono e dicirse a Villar Mir e tamén a dirección de Ferroatlántica que as centrais nin se venden nin se segregan”. A explotación dos recursos hidráulicos xera máis de 35 millóns de euros anuais, indicou Pontón, cifra máis que suficiente para cubrir a posta en marcha da planta de carbón vexetal e as actuacións nas fábricas de Cee e Dumbría, mesmo incluíndo o famoso forno 23 longamente prometido e aínda non executado, como outros moitos incumprimentos de Ferroatlántica.

“Estamos ante o terceiro  intento de Villar Mir para cometer unha ilegalidade. A Xunta no pasado nunca o autorizou e todos e todas sabemos o que tería pasado en caso contrario: un deserto industrial na Costa da Morte. A única garantía de emprego son as centrais e o resto é un novo intento de facer caixa e, como se di comunmente, coller o diñeiro e liscar, que é a verdadeira pretensión de Ferroatlántica”, advertiu.

Pontón concluíu reclamando a Feijóo que sexa fiel ao clamor da Costa da Morte e a Galiza para “ceder as chantaxes dun empresario madrileño que leva gañado moitos cartos á costa de explotar os recursos naturais no noso país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG