Ana Pontón abre a #BNGXVI homenaxeando á militancia e cun chamamento a agrandar a base social do BNG

  • “Temos as portas abertas a todas as persoas que senten Galiza”, salientou, nun momento no que o nacionalismo “é máis necesaria que nunca”
  • Emotivo recoñecemento a Francisco Jorquera, agasallado cunha ovación das bases

“Había nubes negras no horizonte, mais a forza do noso amor disipou a tormenta, e aquí estamos, en pé, cun sorriso, abrindo un futuro cargado de esperanza”. Con estas palabras a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitaba o seu discurso de benvida na XVI Asemblea Nacional para homenaxear á militancia do BNG, convocada un ano despois no mesmo lugar da mesma cidade da Coruña.

Ao longo dese ano, o Bloque levou a cabo un intenso proceso de debate e foi capaz de abrir un tempo novo no que conseguiu recuperar apoio social e electoral. “Sodes do mellor desta país”, subliñou, para apelar a esa mesma militancia cara o obxectivo de agrandar o apoio ao BNG.

“Estamos nun momento de sumar e de agrandar a base social do nacionalismo. Temos que ter as portas abertas a todas as persoas que senten a Galiza, que pensan que merecemos un futuro mellor. Un futuro que deixe atrás a corrupción sistémica deste réxime, o roubo de dereitos e de liberdades e o empobrecemento dos traballadores e das traballadoras”, proclamou.

#25XVIBNG16Pontón destacou o clima de entendemento interno e de cohesión do BNG, un valor ante a cidadanía e tamén para atraer ás persoas que sintan Galiza como nación. “Hoxe o BNG é unha organización da que se fala polas nosas ideas e propostas, e temos que soldar, desde a fraternidade, a unión dos galegos e galegas que pensamos que Galiza é unha nación e queremos conquistar liberdade”.

Nun momento en que o nacionalismo é máis necesario ca nunca, subliñou, o Bloque culmina o Proceso Adiante, doce meses de debate analizando acertos, corrixindo erros, e actualizando proxecto e ferramentas organizativas para ter máis incidencia social, con novos estatutos e unha posta a punto dos principios fundacionais redactados fai 35 anos no Frontón de Riazor.

“Incluímos importantes actualizacións no plano analítico, no organizativo e no político”, sintetizou Pontón, pero sen renunciar ao esencial, “isto é, que somos nacionalistas é que somos unha organización asamblearia na que a militancia é quen máis ordena”. Do mesmo xeito, o tempo novo que se abriu no BNG, “para sembrar esperanza e confianza no noso proxecto”, ven precedido dun “orgulloso pasado”.

Porque o BNG “ten unha longa historia” en defensa de Galiza, desde a loita das Encrobas, á marcha nuclear de Xove, Baldaio, a loita de Moncho Valcarcel, do NON a OTAN, da defensa do pacifismo e o antimperialismo, de Nunca Máis, do Non á Guerra, d@s que saen á rúa con Queremos Galego.

Crítica con Feijóo, Pontón destacou o proxecto do Bloque como antídoto ao Goberno do PP e darlle un futuro ao país.

#25XVIBNG9Concellos como exemplo

“O PP leva anos sementado discordias, e nós temos que sementar unidade das galegas e galegos. O PP leva anos destruíndo dereitos e conquistas sociais, e nós temos que ser o motor que recupere os dereitos roubados. O PP leva anos atacando a nosa lingua e a nosa cultura. Nós temos que ser un vendaval de liberdade contra a súa invernía”, enumerou Pontón.

Como evidencia da capacidade do BNG para darlle un futuro mellor aos galegos e galegas, a portavoz nacional apelou ao bo facer dos gobernos municipais, aos que mencionou un por un. “Aí está a Galiza que queremos e que podemos ser”, dixo, para pechar a súa intervención citando a Eduardo Galeano e invitando “a mover o mundo desde Galiza”.

Previamente, Francisco Jorquera era o encargado de abrir a XVI Asemblea Nacional, onde foi ovacionado pola militancia como un “dos bos e xenerosos, en palabras da ex deputada Rosana Pérez, e que foi agasallo cunha reprodución de Rosalía de Castro da man de Ana Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG