Ana Miranda pide a intervención da Comisión Europea contra a Fundación Franco

Ana Miranda
Ana Miranda

Denuncia a aportación de fondos públicos a  esta entidade que enxalza a figura do ditador Franco

Ana Miranda pide a intervención da Comisión Europea contra a Fundación Franco

A Portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda solicita a intervención da Comisión europea contra a Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) por “apoloxía da ditadura e da figura do ditador”, nas visitas que xestiona no Pazo de Meirás.

A portavoz do BNG en Europa salienta que a  Fundación Nacional Francisco Franco, frecoñecida conforme ao amparo do Dereito español, acaba de anunciar publicamente que como xestora das visitas ao Pazo , "promoverá a figura do xeneral Franco e defenderá os  seus valores". Para Miranda, a  defensa e promoción do franquismo constitúe “apoloxía do fascismo” e contravén os valores democráticos europeos que inspiran os tratados e a Carta dos Dereitos Fundamentais.

Asemade, Miranda denuncia que durante unha década a Fundación Franco recibiu fondos públicos do Estado, pese ser  unha Fundación que defende valores antidemocráticos e unha ditadura que provocou un grande número de asasinatos e sufrimento polo que reclama “recuperar a memoria das vítimas” a través dunha Lei galega de memoria histórica que “ prohiba, persiga e sancione actos de exaltación do franquismo”.

A iniciativa do Bloque reclama ao goberno da Unión europea que actúe ante o Estado español  para esixir a prohibición da apoloxía da ditadura franquista por parte da Fundación Franco. A portavoz nacinalista afirma que Europa non pode permitir fundacións que enxalcen  valores e figuras do fascismo polo que reclama unha “condena rotunda” á Fundación Franco.