O Parlamento Europeo aproba o tratado de libre comercio entre a UE e Canadá

Ana Miranda: “A aprobación do CETA é unha traizón para os pobos europeos”

  • A portavoz do BNG en Europa lamenta un acordo que prioriza ás grandes corporacións e lobbies en contra dos dereitos humanos, sociais e  medio ambientais  

A portavoz do BNG, en Europa, Ana Miranda afirma que o Acordo Económico e Comercial Global (CETA) entre a Unión europea e Canadá, aprobado hoxe en Estrasburgo, representa “unha traizón” aos pobos europeos, o emprego, a saúde, os sectores produtivos e a protección do Medio ambiente”.

Para a portavoz do BNG en Europa, a aprobación  do CETA (Acordo Comercial UE-Canadá), prioriza  ás  grandes corporacións e lobbies  contra os dereitos humanos, sociais e medio ambientais.

Con este acordo, a “gran coalición europea PP-PSE-Liberal” consolida o neoliberalismo, sen equidade nin xustiza. Miranda destaca   o intenso debate durante  meses na Eurocámara e a  campaña de NON AO CETA en  toda Europa con máis de 3 millóns de sinaturas e manifestacións.

 Miranda cualifica  o CETA de “ paso atrás” para a democracia e critica a “o segredo e falta de transparencia nunhas  negociacións  ás costas dos diversos Pobos europeos”, facendo prevalecer os intereses das grandes transnacionais e con numerosas presións contra  Parlamentos como o  de Valonia. O BNG, reiterou, considera  o acordo lesivo para Galiza, “protexe máis aos inversores, transnacionais e empresas financeiras que os aspectos sociais ou medioambientais” ademais de  supor a perda  de 230.000 postos de traballo en Europa. Por outra parte,  consolida un sistema de arbitraxe sen precedentes totalmente antidemocrático que sobarda a xustiza e sobre todo e  non conta con  lexitimidade  ao non ser  ratificado polos Parlamentos dos Estados Membros. 

Ana Miranda considera que para Galiza, este Acordo CETA prexudica aos sectores:  laboral, saúde  e  acceso ás medicinas,  consolida o intercambio de produtos do agrobussines, no sector   pesqueiro terá graves consecuencias  sobre as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) e Indicacións Xeográficas, na  seguridade alimentar, o dereito á auga e a enerxía.

A portavoz do BNG tamén  manifesta que o acordo afectará aos dereitos sociais porque  “implica a consolidación da inxustiza social, da iniquidade, outorga máis poder as  grandes transnacionais en detrimento dos padróns sociais, do traballo decente e dos dereitos das e dos traballadores pois aceita o dumping social, competencia desleal de Canadá, país que non asinou o convenio da OIT sobre a negociación colectiva”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG