Acto simbólico do BNG na Catedral de Santiago contra o roubo franquista das estatuas do Pórtico da Gloria

O PP rexeita na Cámara favorecer os traballos desenvolvidos para a recuperación da memoria histórica

Pazo de Meirás en Sada, Casa Grande de Cornide na Coruña e agora a Catedral de Santiago de Compostela súmase aos actos simbólicos apoiados polo BNG para denunciar o espolio do Franquismo, neste caso para pedir a devolución das imaxes de Isaac e Abraham, parte do grupo escultórico do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo.

Nesta ocasión, o acto de denuncia e de difusión social do espolio consistiu en despregar unha pancarta na fachada de columnas do Museo da Catedral na Praza do Obradoiro, baixo o lema Que nos devolvan o roubado. Franquismo nunca máis!

Con esta acción, o Bloque pretende denunciar o espolio dos bens que son patrimonio de Galiza e que a Familia Franco aínda conserva 40 anos despois do fin da ditadura. “Queremos combater ese espolio desde todos as frontes posibles, institucional, xudicial e social”, salientou Rubén Cela, membro da Executiva nacional e portavoz municipal en Compostela.

No plano institucional, o BNG ten presentado iniciativas nos concellos, no Parlamento e na Eurocámara, a nivel xudicial para denunciar algo tan inaudito como que sexa a Fundación Franco a encargada de xestionar as visitas ao Pazo de Meirás, e a nivel social esta última acción ante a Catedral de Compostela para reclamar a devolución das figuras de Isaac e Abraham.

“Teñen que voltar a Santiago”, salientou Rubén Cela, que saúda a vía xudicial emprendida polo goberno municipal porque hai que esgotar todas as vías. “Pero mentres a solución xudicial non chega, o Bloque seguirá denunciando e concienciando na rúa sobre o espolio do Franquismo, neste caso reclamando a devolución das estatuas porque son patrimonio dos veciños e veciñas de Santiago e de toda Galiza”, salientou.

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, denunciou que o Estado español e o único caso en toda a UE no que está legalizada unha entidade, a Fundación Franco, que ten como obxectivo facer apoloxía da ditadura franquista e da figura do xenocida. “Non hai verdadeira democracia sen limpeza da impunidade do Franquismo”, salientou, tras denunciar que esta fundación fascista “conta co amparo do PP”.

Miranda salientou que o BNG solicitou ante a Comisión de Peticións da Eurocámara a ilegalización da Fundación Franco, porque representa “un burato negro na democracia”.  “A denuncia vai chegar ao Parlamento Europeo, igual que as estatuas de Isaac e Abraham van chegar á Catedral para estar de novo no seu lugar lexítimo”, concluíu.

Mentres o BNG reclamaba a devolución dos bens espoliados polo Franquismo na rúa, no Parlamento o PP votaba en contra de favorecer os traballos pola recuperación da memoria histórica que se están a realizar por parte de diferentes entidades e colectivos sociais. A proposta foi defendida polo deputado Luís Bará, quen lembrou que o PP leva anos votando en contra ou rexeitando as medidas, leis, normas ou programas que reivindican a dignidade e a reparación das vítimas así como a condena firme do Franquismo.

Rede de lugares da memoria

O PP permanece “pasivo” instalado nunha posición ambigua e segue sen actuar ante o espolio de bens que son patrimonio de Galiza. De feito, Bará pregúntase onde está a comisión de expertos que Feijóo anunciou no Parlamento, e insta á Xunta a que, cando menos, non dificulte os traballos de persoas e asociacións que loitan polo recoñecemento das vítimas do franquismo

No debate da proposta nacionalista, Bará reclamou da Xunta dirixirse á delegación do Goberno do Estado para “investigar e perseguir ás persoas e organizacións responsables dos ataques que fomentan o odio contra os ideais democráticos, e tamén defendeu a creación dunha rede de lugares da memoria histórica galega, “como espazos simbólicos da dignidade das vítimas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG